O BNG reclama ao PSOE non truncar o proxecto da Casa da Maxia

O BNG reclama ao PSOE non truncar o proxecto da Casa da Maxia

O Grupo Municipal do BNG de Ourense compareceu hoxe xunto a representantes da Asociación de Magos Profesionais de Galicia, para reivindicar ante o goberno da cidade a apertura da Casa da Maxia e apoiar o comunicado realizado por esta asociación profesional.

A Casa da Maxia foi un proxecto encetado polo BNG en 2008 que recibiu financiación europea e que permitíu recuperar para este fin un edificio de catro plantas na zona sur do Casco Histórico da cidade. Hoxe, coa responsabilidade de goberno, o PSOE pretende cambiar o uso de este edificio sen deixar nen que de os seus primeiros pasos. Co agravante de que nos orzamentos de 2012 xa se aprobara por parte do goberno de coalición unha partida de 130.000 euros para completar os contidos e poder abrir a Casa da Maxia a comezos deste ano. É dicir, para abrir a Casa da Maxia, única en todo o país, en todo o Estado e en toda a península ibérica, non é necesario gastar un euro de máis, só sacar o concurso público para o equipamento coa partida que xa estaba aprobada e supoñemos que pendente de adxudicación.

O Voceiro do BNG, Xosé Somoza, citou aos arquitectos que rehabilitaron o edificio lembrando que “o uso define profundamente a intervención, o que provoca unha intensa relación entre os proxectistas e os usuarios para conquerir a versatilidade buscada. É dicir, promover un reacondicionamento do seu uso podería provocar máis gastos pola redefinición funcional ou ben que as instalacións se abrirán sen a súa necesaria adaptación”.

A Casa da Maxia será, sen dúbida, unha oportunidade para a cidade de contar cun elemento de singular atractivo dentro dun conxunto de factores turísticos potenciais que, nun futuro próximo, incrementarán o número de visitantes e turistas que cheguen a Ourense. Por outro lado, a súa ubicación na Praza da Ferreiría suporá un factor esencial no proceso de recualificación e revitalización da zona sur do Casco Histórico. En palabras de Xosé Somoza “unha oportunidade máis, neste caso únicamente dependente do Concello, que Ourense non pode perder”.

O Grupo Municipal do BNG de Ourense levará ao próximo pleno unha moción para solicitar ao goberno da cidade que culmine o proxecto da Casa da Maxia tal e como estaba pactado para que a ilusión poda convertirse nunha realidade.

Ourense, febreiro de 2013

TEXTO ÍNTEGRO DO COMUNICADO DA ASOCIACIÓN DE MAGOS PROFESIONAIS DE GALICIA (MPG) SOBRE A CASA DA MAXIA DE OURENSE

A Asociación de Magos Profesionais de Galicia, en relación coa Casa da Maxia de Ourense e con informacións publicadas na prensa nos pasados días, quere manifestar o seguinte:

1.- Que o proxecto da Casa da Maxia, impulsado por esta Asociación, foi acollido con moito interese polo Concello de Ourense, a través do Concellería de Cultura que naquel momento era responsabilidade do BNG, no ano 2008. A partir dese ano traballouse conxuntamente, dende esta asociación e dende o concello, para consolidar esta iniciativa que supoñía, para a cidade de Ourense, unha importante e singular referencia cultural.

2.- A proposta púxose en marcha coa elaboración dun proxecto para a rehabilitación do edificio destinado á Casa da Maxia, proxecto que foi finalista do V Premio de Arquitectura Ascensores Enor (2011) e que se adaptaba, no seu deseño e estrutura, á finalidade específica á que fora destinado polo Concello e ás propostas presentadas dende esta Asociación. O Concello acometeu a rehabilitación do edificio, que estivo rematada tamén o ano 2009.

3.- A nosa Asociación elaborou ademais un proxecto para a domótica do edificio dende varios puntos de vista: criterios museográficos para os espazos destinados a este fin, e necesidades de mobiliario para as dependencias dedicadas a outros usos: didácticos, sala de reunións, auditorio, etc. Tratábase, en definitiva, de dotar de contido un continente (o edificio), xa acondicionado dende un principio para a posta en marcha e apertura da Casa da Maxia.

4.- Cremos, na liña do que levamos exposto, que a consolidación definitiva deste proxecto vai constituír para a cidade un recurso efectivo para todos os cidadáns do concello, de todas as idades, como usuarios máis directos deste centro cultural.

A casa da maxia abre un amplo abano de posibilidades e de usos: museo da maxia, uso interactivo mediante visitas guiadas por magos, uso didáctico para centros de ensino, centro de formación para iniciación a a arte da maxia, punto de encontro para os magos de Ourense, galegos e internacionales,... etc.

A Casa da Maxia será ademais, sen dubida, un referente internacional neste eido e tamén un novo atractivo que virá a potenciar, como un novo elemento de interese, os importantes recursos que, dende o punto de vista turístico, poda ofrecer a cidade de Ourense.

5.- Por todo elo, dende a nosa asociación MPG, manifestamos o noso total desacordo con ese posible cambio de destino do edificio. Son moitos os esforzos humanos e materiais os que levamos feito nestes anos pola consolidación da Casa da Maxia e queremos facer un chamamento, a todos os grupos municipais tanto do goberno como da oposición, para reconducir esta situación dende o diálogo, e solucionar, mediante a convocatoria do concurso público, o problema da dotación do edificio para que este sexa destinado ao fin para o que se creou dende un principio, e que a Casa da Maxia , como tal, poida abrir ao público no prazo máis breve posible.

O BNG reclama ao PSOE non truncar o proxecto da Casa da Maxia