O BNG considera aberrante que “en plena crise económica e social” o Concello de Ourense pretenda gastar preto de 92.000 euros na carpa instalada na Praza Maior
Da análise realizada polo Grupo municipal do BNG do expediente de contratación, despréndese que este ascende a 18.388,50 euros mensuais polo que de cumprirse as previsións anunciadas en Xunta de Área deste martes de mantela até marzo de 2023, o gasto total será de 91.942,50 euros
Rhut Reza, “arrepía a lixeireza coa que o Goberno Local dilapida cartos públicos”
Ourense, 21 de outubro de 2022. Desde hai algunhas semanas e como consecuencia do capricho persoal do alcalde Gonzálo P. Jácome, unha enorme estrutura en forma de cúpula ocupa a práctica totalidade da Praza Maior de Ourense.
Segundo denuncia o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, “estase privando á veciñanza dun espazo único e emblemático ao tempo que impide que os centos de visitantes que cada día pasan por ela, a poidan desfrutar na súa plenitude sendo ademais como é, a única Praza Maior inclinada de todo o Estado”.
Para o BNG o grave do asunto non é o feito de que se instale unha carpa, “de dubidosa necesidade”, para un evento en concreto senón o feito de que tal e como xa anunciou o Concelleiro delegado na Xunta de Área de Dinamización Municipal o pasado martes, “permaneza instalada até marzo de 2023”.
Desde o Grupo municipal do BNG pediron acceso, vista e copia ao expediente de dita carpa e unha vez avaliado polo miúdo, queren denunciar as desorbitadas cantidades que para o concello “vai ter un capricho persoal”.
O expediente de contratación e aluguer supón para as arcas municipais 18.388,50 euros ao mes polo que segundo a concelleira do BNG Rhut Reza, “ter unha carpa instalada sen ningún uso até o próximo mes de marzo, vainos custar ás e aos ourensáns nada máis e nada menos que preto de 92.000 euros mentras máis de 80 crianzas a día de hoxe non poden acudir ao comedor escolar porque o Grupo de Goberno di non ter cartos para abonarlle a bolsa á que teñen dereito”.
A maiores desta cantidade, Reza asegura que tamén puideron ter acceso ao contrato de traslado, instalación e desmontaxe e o cal ascende igualmente a 18.388,50 euros.
Para a formación nacionalista “non é xustificable ter unha carpa instalada en plena Praza Maior durante cinco meses e a razón de máis de 18.000 euros o mes cando estamos en plena crise económica e social, momento no que desde as administracións públicas cómpre atender en maior medida ás necesidades urxentes e vitais de moitas das nosas veciñas e veciños que peor o están pasando”.
Para Rhut Reza “é paradóxico que ao tempo que se anuncia unha modificación de crédito para dotar de fondos aos Servizos Sociais, algo que por certo desde o BNG víñamos advertindo desde hai tempo, se vaian gastar por empecinamento e capricho do alcalde preto de 92.000 euros nunha carpa”.
Reza insta ao alcalde a recapacitar e a “retirar a carpa unha vez remate a festa do Samaín e desista dunha infraestrutura tan cara e opte por outras opción máis económicas de cara o futuro”.