O BNG esixe a reapertura do Centro de Interpretación das Burgas e dotalo do persoal necesario
Desde a formación nacionalista denuncian que o Goberno Local non dota de persoal ao Centro pese a existir unha lista de substitución de conserxes da que poder facer uso polo que os centos de visitantes que acoden cada día atópanse as portas pechadas polas tardes e nas fins de semana, levándose unha lamentable imaxe da cidade
Ourense, 24 de outubro de 2022. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense viña advertíndolle ao Goberno Local desde hai tempo e a través das Xuntas de Área, da necesidade de dotar de persoal suficiente ao Centro de Interpretación das Burgas e permitir que, deste xeito, puidera ter un horario acorde ás necesidades da veciñanza e dos centos de visitantes que a el acoden cada día.
Até o venres pasado o horario de apertura era soamente de 10:00 a 14:00 horas, permanecendo pechado polas tardes e durante toda a fin de semana debido á, segundo o Goberno Local, “falta de persoal para atendelo”. O certo é que este mesmo luns, o Centro tampouco abriu pola mañá.
Segundo a concelleira nacionalista Rhut Reza, “é inexplicable que o Centro e o Xardín colindante permaneza pechado todas as tardes e toda a fin de semana”. Asemade, Reza rebate os argumentos do Goberno advertindo que “hai unha lista de conserxes con moita xente desexando que a chamen para traballar”.
Para Rhut Reza, o argumento esgrimido na última Xunta de Área polo Concelleiro delegado e na que advertía que non podían empregar esa lista para facer chamamentos por pesar sobre ela unha serie de recursos administrativos cáese pola realidade dos feitos “xa que a día de hoxe hai conserxes traballando e que foron chamados en base a esa lista”.
Para o BNG, o Goberno Local non ten escusa para manter o Centro de Interpretación das Burgas pechado polas tardes e as fins de semana por máis tempo polo que esixen a súa reapertura urxente xa que, como ben apunta a concelleira Rhut Reza, “a xente que sube pola rúa das Burgas ve a porta, achégase a ela para poder entrar e coñecer a historia e o pasado termal da chamada Capital termal de Galiza e o que atopan é a porta pechada. Se o Goberno Local tivera vontade política e se tomara en serio esta cuestión, o Centro tería o persoal necesario para atendelo”.