O BNG cualifica de “cacicada” a aprobación do modificado do proxecto de reforma exterior da Praza de Abastos nº 1 de Ourense

Momento da rolda de prensa
Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco en rolda de prensa

Desde a formación nacionalista denuncian que o motivo do Goberno Local é eludir sacar a concurso o proxecto de reforma exterior para, deste xeito, darllo á mesma empresa que executou a reforma do inmoble

O BNG cualifica de “cacicada” a aprobación do modificado do proxecto de reforma exterior da Praza de Abastos nº 1 de Ourense

Ourense, 03 de xaneiro de 2024. Nunha Xunta de Goberno Local extraordinaria e celebrada na tarde do pasado venres día 29 de decembro de 2023, o Executivo Local aprobaba a modificación do proxecto básico e de execución das obras de reforma e rehabilitación da Praza de Abastos nº 1 de Ourense, cun custe adicional de 726.540,89 euros e cinco meses de execución. Este feito motivou a conparecencia do Grupo municipal do BNG xa que, segundo o Portavoz nacionalista Luís Seara, “estamos diante da enésima cacicada deste Goberno Local”.

Seara fixo un breve percorrido sobre o que ten sido todo aquilo relacionado coas obras de rehabilitación da Praza de Abastos nº1 lembrando que, “pola incapacidade do anterior e do actual Goberno local, houbo que devolver a subvención concedida no seu día polo Estado, consecuencia do cal, o Concello ten que asumir con fondos propios e na súa totalidade a execución da obra”.

Segundo relatou Seara, “as obras de reforma e rehabilitación remataron o pasado mes de xaneiro de 2023, momento en que se asinou a última das certificacións de obra”. Diante deste feito, o Portavoz nacionalista pregúntase, “¿Cómo é posible que se aprobe o modificado dun proxecto dunha obra rematada once meses antes?”.

E é que para o BNG o máis significativo é precisamente “que o Goberno Local modifica un proxecto xa concluído, sen que exista relación contractual coa empresa, neste caso Acciona, e sen que medien no expediente informes técnicos que avalen o procedemento nin a retención de crédito correspondente, producíndose, a noso entender, unha nova fraude de lei”.

O Grupo municipal do BNG lembra ademais que “xa desde o ano 2022, advertíamos da necesidade de abordar canto antes a reforma exterior, algo que xa pedimos durante a execución dos traballos, mesmo facéndoa en paralelo á reforma do edificio e que esta fose moito máis ambiciosa, incluíndo as demandas das praceiras e praceiros así como a reforma integral do Rianxo e toda a contorna das Burgas”.

Luís Seara entende que “o desinterese do actual Goberno Local con todo o referido á Praza de Abastos é máis que evidente. Coido que todas e todos estamos desexando que o edificio rehabilitado entre canto antes en funcionamento e que poidamos recuperar o espazo da Alameda, mais dito traslado ten que facerse con todas as garantías para as praceiras e praceiros e a día de hoxe, nada sabemos do plan funcional que permita a adaptación interior do edificio, paso previo e imprescindible para o mencionado traslado”.

Resposta ás acusacións verquidas polo PP.

O Portavoz do BNG no Concello de Ourense respostou tamén ás declaracións de onte tanto de Paula Prado, Secretaria xeral do PPdeG como de Luís Menor, presidente provincial dos Populares e nas que acusaban á formación nacionalista de mentirlle á provincia de Ourense.

Seara foi contundente, “esas declaracións reflicten a desesperación polo logro acadado polo BNG no acordo de investidura e a asunción de que o seu tempo político chega ao seu fin xa que soamente así se pode entender que os que levan lustros gobernando a provincia e son os principais responsables do debalo da mesma, gobernando para amigos e afíns, os que teñen a Ourense sumido na máis absoluta das parálises e os campións da mentira nos acusen aos demais”.

Para os nacionalistas, “quenes dicían que nunca apoiarían a Jácome nos acusen aos demais de mentir é unha broma”, e engaden, “hai que ser cínicos e hipócritas de acusar ao BNG da suba das peaxes cando foi un goberno do PP, con Aznar á fronte, quen prorrogou por 25 anos máis a concesión da AP-53 que é estatal pois o tramo Dozón – Ourense, a AG-53 que é galega e que rematou o bipartito, é gratuita”.

Xulgado de violencia machista.

En relación ao Xulgado específico de violencia machista para Ourense presente igualmente no acordo de investidura asinado entre o BNG e o PSdeG-PSOE, Luís Seara lembrou que, “en reiteradas ocasións foi o PP quen se posicionou en contra da súa implantación noutras tantas votacións polo que hai que ser moi cínicos para botarnos agora a culpa aos demais pois a propia Xunta non reclamou nunca ao Estado a súa implantación”.

Rhut Reza, Luís Seara, Erea Blanco
Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco durante a rolda de prensa


 

O BNG cualifica de “cacicada” a aprobación do modificado do proxecto de reforma exterior da Praza de Abastos nº 1 de Ourense