O BNG ratifícase ao asegurar que “o Concello de Ourense está nunha situación económica moi crítica que pon en perigo a súa estabilidade”
Desde o Grupo municipal do BNG entenden que as alegacións presentadas polo Interventor municipal ao expediente de cese/remoción aberto contra el pola Alcaldía, “ratifican o que desde o BNG vimos denunciando desde hai meses, opacidade na xestión, nulo respecto aos procedementos e dilapidación dos cartos públicos”
No referido ao acoso laboral denunciado polo Interventor no seu escrito de alegacións, no BNG teñen claro que “é unha práctica habitual no Concello desde a chegada de Jácome, quen pretende amedrentar ás e aos traballadores que non son funcionais aos seus intereses, o do Interventor non é o único expediente aberto, xa temos unha sentenza condenatoria e os abusos de poder e as descualificacións son constantes”
Ourense, 09 de xaneiro de 2024. Logo de ter coñecemento do escrito de alegacións presentado polo Interventor ao expediente de cese/remoción promovido polo Alcalde do Concello Gonzalo Pérez Jácome, desde o Grupo municipal do BNG, a través do seu Portavoz Luís Seara, afirman que “moitas das denuncias que figuran no escrito de alegacións referidas ao procedemento e conformación de boa parte dos expediente xa foron postas de manifesto polo BNG en reiteradas ocasións ao longo dos últimos meses”.
Luís Seara ten claro que “estes feitos corroboran o que levamos meses argumentando desde o BNG, a jolperización do Concello de Ourense cun Alcalde que obvia e ten un absoluto desprezo polos procedementos establecidos, que é opaco na súa xestión e que dilapida cantidades inxentes de cartos ao tempo que practica o abuso de poder, o acoso laboral, e non o dicimos nós senón unha sentenza xudicial e a intimidación xa que o acontecido co Interventor ao igual que coa Tesoureira é un aviso ao resto de traballadores e traballadoras, quen non sexa funcional aos meus intereses, terá problemas, o coñecido como modo DO”.
É que desde a formación nacionalista lembran que o expediente aberto ao Interventor municipal non é o único pois hai meses tamén se aperturou outro para o cese da Tesoureira, “curiosamente aos dous altos funcionarios encargados da fiscalización económica da acción de Goberno”. Ao tempo, poñen de manifesto as continuas descualificacións cara as e os empregados públicos “que os sitúan nunha posición de debilidade diante da veciñanza, xa que en certa medida e chegado o caso, pode verse lexitimada para actuar de xeito similar, avalada polo propio comportamento do alcalde”.
No BNG volven incidir na grave situación económica na que se atopa o Concello. Segundo Luís Seara, “a cantidade de facturas que hai nos caixóns, a totalidade das concesións administrativas caducadas ou en precario, as continuas reclamacións xudiciais e os inxentes xuros de demora sitúan ao Concello nunha situación de quebra técnica”. Para o BNG, “a continua victimización de Jácome soamente pretende ocultar a súa propia incapacidade para gobernar e xestionar o Concello”.