O BNG cuestiona as modificacións introducidas por Jácome no PXOM actualmente en trámite
Logo de ter acceso no día de onte á documentación relativa ás modificacións introducidas polo actual rexedor, desde o BNG cuestionan a viabilidade de algunhas delas pola inseguridade xurídica e os graves prexuízos económicos que poden ter nun futuro para o concello
Para os nacionalistas resulta chamativo que o alcalde asuma todos e cada un dos que no pasado consideraba “pelotazos do PP”
Ourense, 20 de outubro de 2022. Na Xunta de Área de Urbanismo celebrada no día de onte, o Goberno Local, por fin, facilitou a documentación relativa ás modificacións introducidas no PXOM actualmente en trámite por parte do actual rexedor do concello Gonzalo Pérez Jácome.
Da análise feita de dita documentación, o Grupo municipal do BNG asegura que o que máis chama a atención é que “Jácome asume os que outrora consideraba pelotazos e corruptelas do PP”. O Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara lembra que “no seu día Democracia Ourensana considerou este documento como corrupción pura do PP chegando a presentar un recurso contra as mesmas e sen embargo agora non cuestiona ningunha das modificacións introducidas no mandato anterior por parte dos populares”.
No BNG botan en falta “o documento económico que avale ou cando menos cuantifique o custe que as modificacións previstas van ter para as arcas municipais, o alcalde teralle que explicar á veciñanza dito impacto económico”.
Outra das modificacións cuestionadas polos nacionalistas ten que ver coa construción dun rañaceos na finca de Mariñamansa, convertíndoa nunha zona de especulación urbanística. Luís Seara lamenta que o alcalde “continúe encornado nun proxecto faraónico e de dubidosa viabilidade”. Tamén lembran que “de levarse adiante esta modificación, estarase hipotecando o desenvolvemento dunha das grandes zonas verdes previstas, e mesmo defendida polo alcalde no pasado, e tan necesaria para o concello no seu conxunto”.
Por último, no BNG lamentan que por mor da súa obsesión polo parque acuático termal, o alcalde bote ao lixo o proxecto, aprobado por unanimidade no seu día, de desenvolvemento do proxecto do bulevar termal e que está chamado a ser o buque insignia do termalismo en Ourense.