O BNG reitera o seu apoio aos traballadores e traballadoras do metal ourensán
Noa Presas recoñece a valentía do colectivo ante a súa terceira semana de folga e sinala a necesidade dunha saída que garanta condicións dignas de traballo para unha industria forte. As nacionalistas chaman a participar da mobilización prevista para o mércores 19 de outubro
Ourense, 15 de outubro de 2022. Ante a proximidade da terceira semana de folga do sector do siderometal, iniciada o pasado 5 de outubro despois das mobilizacións do 28 e 29 de setembro, o BNG reiterou, a través da deputada Noa Presas, o seu apoio e solidariedade cos traballadores e traballadoras e animou á sociedade ourensá a participar da manifestación prevista para o próximo mércores 19 de setembro ás 11:00 horas desde a casa sindical.
Presas gabou a “valentía dos traballadores e traballadoras que, en condicións moi precarias, tomaron a decisión de defender os seus dereitos ante unha situación precaria e insostible, un exemplo de loita que defende, por extensión, a dignidade do resto da clase traballadora”. Asemade, recordou que “a negociación dun novo convenio colectivo é fundamental para non deixar á xente á intemperie nunha crise de prezos que está afogando os fogares e que en Ourense é máis intensa que no resto de Galiza e do Estado”.
O BNG recorda que “a inflación segur desbocada e nos datos publicados este venres a de Ourense está nun 9,7%, por riba do 9,2% galego e por riba do 8,9% estatal e isto está a provocar unha perda de poder adquisitivo brutal nos traballadores e traballadoras do metal ourensán, máis aínda se temos en conta o punto de partida dos salarios e cotizacións das comarcas provincia de Ourense, por debaixo da media galega e nun 88,5% da media do estado español”.
Por isto “a situación ten que ter unha saída negociada e para iso é preciso que cesen o inmobilismo da patronal e o pasotismo da Xunta de Galiza, que unha vez máis está facendo deixadez das súas funcións no lugar de favorecer unha solución, tal e como se viu na visita do vicepresidente Conde a semana pasada. Este está a ser o goberno da demolición industrial, máis ocupado en impulsar reformas fiscais que favorezan as grandes fortunas que de fomentar unha economía baseada nunha industria asentada no valor engadido e con condicións laborais dignas”.
Presas recorda que o BNG xa avanzou iniciativas no Parlamento Galego para acompañar a loita sindical e que os seus problemas sexan escoitados. Así mesmo, a deputada aproveitou para advertir dos perigos da criminalización do sindicalismo, recordou que a folga é un dereito esencial e que as centrais sindicais están sendo exemplares na realización do seu exercicio.