O BNG cuestiona o silencio do Goberno Local ante as graves acusacións verquidas polo promotor do edificio dos Franciscanos no Parque de San Lázaro
Desde o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense entenden que “as acusacións que o promotor fai son dunha enorme gravidade pois xa non é que se cuestione a persoas en particular senón que estase a falar de presunta corrupción en toda unha Concellería como é a de Urbanismo”
Ourense, 09 de setembro de 2024. En setembro do ano 2021 remataban os traballos da Comisión de investigación constituída no Concello de Ourense, impulsada polo BNG e referida as denuncias promovidas polos promotores do edificio sito no Parque de San Lázaro, anexo á igrexa dos Franciscanos. Xa entón, desde a formación nacionalista advertíase de que a mesma, “pechábase en falso pois os traballos non se puideron desenvolver coa normalidade necesaria e porque o afán do Goberno Local era concluíla canto antes e non chegar ao fondo do asunto”.
Este mesmo sábado, o promotor do edificio arremetía públicamente e con dureza contra dous exconcelleiros de Urbanismo así como contra varios técnicos municipais do mesmo departamento chegando a afirmar que, “se houbese pagado en Urbanismo no seu día, hoxe este edificio tería licenza”, unhas afirmacións que para o Portavoz do BNG no Concello Luís Seara son, “dunha enorme gravidade pois xa non é que se cuestione a persoas en particular senón que estase a falar de presunta corrupción en toda unha Concellería como é a de Urbanismo”.
Para Seara, as acusacións son o suficientemente graves como para que “o Goberno Local reaccione de algunha maneira. Resulta sorprendente este silencio diante de acusacións tan graves que sembran a dúbida sobre o funcionamento dunha Concellería tan importante como é a de Urbanismo, creando desasosego en boa parte da veciñanza polo que agardamos do Executivo Local unha reacción proporcional pero contundente diante de tales afirmacións”.
Reapertura Comisión de investigación.
Diante desta situación e das graves acusacións, Luís Seara adianta que “solicitarémoslle vía rexistro ao Alcalde a reapertura da Comisión de investigación para poder avanzar nos traballos que quedaron pendentes e para clarexar todas as dúbidas aínda sen resposta”.