O BNG pide aclaracións á Xunta ante a caída de parte do teito no novo edificio de hospitalización do CHUO
A deputada Noa Presas entende que o Executivo galego debe explicar “cales foron as causas do incidente e aclarar se estamos diante dun feito puntual ou como consecuencia de deficiencias construtivas durante a execución da obra”
Ourense, 03 de setembro de 2024. O pasado venres 30 de agosto, tiña lugar no novo edificio de Hospitalización de Ourense, é dicir, o edificio de construción máis recente, unha fuga de auga que tería derivado na inundación do vestíbulo e no desprendemento do falso teito na zona da entrada.
A deputada do BNG no Pazo do Hórreo Noa Presas sinala que “afortunadamente, este incidente non causou ningún tipo de dano persoal, unicamente materiais, non afectando tampouco á actividade asistencial”, e engade, “porén, hai que lembrar que hai menos dun ano, caía outro teito no edificio Materno que causou o peche e dificultades para prestar determinados servizos fundamentais da área de partos e xinecoloxía durante varias semanas xa que a reparación demorouse máis de seis meses, non tomando ademais as medidas adecuadas”.
Para o BNG, este incidente nun edificio de recente construción, que ten menos dunha década e que se suma aos constantes problemas de mantemento doutras zonas do Complexo Hospitalario, “fan saltar as alertas novamente na poboación e requiren de explicacións adecuadas por parte do Goberno galego”.
Segundo Noa Presas, “cómpre aclarar cales foron as razóns deste incidente, se eran evitables, se corresponden a un defecto na construción, ou se as medidas de mantemento foron as adecuadas e de non ser así, tomar as medidas necesarias para que non volva acontecer”.
Todas estas preguntas terán que ser respostadas polo Goberno galego no Parlamento de Galiza pois a deputada Noa Presas, a través do Grupo Parlamentar do BNG, ven de rexistrar unha batería de iniciativas encamiñadas a “dilucidar cales foron as causas da avaría e da caída do teito no novo edificio de hospitalización e cales son as conclusións da investigación levada a cabo, se é que a houbo, para saber se estamos diante dun feito puntual ou como consecuencia de deficiencias na execución da obra, o que podería provocar máis incidentes no futuro de non detectarse e corrixirse a tempo”.