O BNG defenderá e solicitará en Pleno unha nova exposición pública do PXOM

47292701-5e92-402e-8878-a2e2212dfda5_21-9-aspect-ratio_default_0
Imaxe aérea de Ourense

O Grupo municipal nacionalista pedirá ao resto de membros da Corporación instar ao Goberno Local á apertura dun novo prazo de exposición pública co obxecto de “garantir unha maior impecabilidade do procedemento de aprobación”

O BNG defenderá e solicitará en Pleno unha nova exposición pública do PXOM

Ourense, 08 de decembro de 2024. No Pleno que o Concello de Ourense ten previsto desenvolver o vindeiro venres, día 13 de decembro, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e a necesidade dunha nova exposición pública do mesmo antes da súa aprobación definitiva centrarán o debate grazas á moción rexistrada polo Grupo municipal do BNG.

O seu Portavoz Luís Seara, argumenta que “é de imperiosa necesidade sacar adiante un novo Plan que ofreza seguridade xurídica a todas aquelas persoas ou empresas que decidan investir en Ourense. Para iso cremos imprescindible unha nova exposición pública que permita á veciñanza no seu conxunto, coñecer o documento actual e poder facer as alegacións que se consideren precisas”, e engade, “cómpre un Plan que aposte claramente pola sustentabilidade, pola rehabilitación, pensado para as maiorías sociais e non á medida dos especuladores como se ten feito até o de agora”.

Seara sinala que “ese é o motivo fundamental polo que desde o BNG queremos unha nova exposición pública xa que pasaron moitos anos desde a anterior, tempo no que se introduciron modificacións que, entendemos, son da suficiente entidade como para ser coñecidas pola veciñanza”. E é que sen entrar a valorar se as modificacións introducidas son substanciais ou non, na formación nacionalista entenden que “non debemos obviar que as mesmas, levadas a cabo pola Alcaldía, non foron aprobadas por órgano administrativo algún”.

No BNG aducen ademais que os prazos estimados para a resolución do propio proceso de exposición pública, en torno aos seis ou oito meses, debera ser perfectamente asumible se con iso “garantimos unha maior seguridade desde o punto de vista legal e procedimental do Plan de cara a posíbeis reclamacións ou impugnacións xudiciais”.

Segundo a formación nacionalista, “estamos diante dun documento fundamental para o desenvolvemento non soamente urbanístico da cidade senón que a súa aprobación, ten repercusión directa no medre demográfico, social e sobre todo económico. O Ourense do futuro non se pode construir cun instrumento urbanístico obsoleto e do pasado”.

Por estes motivos é polo que desde o Grupo municipal do BNG pedirán ao resto de membros da Corporación instar ao Goberno Local á apertura dun novo prazo de exposición pública do PXOM actualmente en trámite, co obxecto de garantir “unha maior impecabilidade do procedemento de aprobación”.

O BNG defenderá e solicitará en Pleno unha nova exposición pública do PXOM