O BNG denuncia que as dilacións inxustificadas na execución de sentenzas por parte do Concello “están a ter un elevado custo económico para as arcas municipais”
A formación nacionalista sinala que ditos atrasos supoñen un incremento notable das cantidades correspondentes aos xuros de mora e poñen como exemplo a execución da sentenza do Procedemento promovido no seu día por Urbanos de Ourense SL xa que a última corrección e actualización, eleva esa cantidade até os 1.448.508,04 euros
Ourense, 14 de decembro de 2024. Que a caótica xestión do actual Goberno Local está sumindo ao Concello na parálise non é ningunha novidade segundo sinalan desde o Grupo municipal do BNG, máis advirten que dita xestión “está a ter desde hai tempo” repercusións moi importantes nas arcas municipais.
O Portavoz municipal dos nacionalistas Luís Seara sinala que “temos denunciado en innumerables ocasións a nefasta xestión económica do actual Goberno Local, xestión que está situando ao Concello ao bordo do colapso”, e engade, “tamén temos denunciado a situación na que se atopan a práctica totalidade das concesións administrativas e as consecuencias económicas que esa situación está a ter nas arcas municipais”.
A alta conflitividade xudicial e o xeito en que o Goberno Local aborda boa parte dos procedementos é outro dos factores que, segundo a formación nacionalista, “incide notablemente na economía do Concello, xa que en moitas ocasións, recórrense sentenzas e prolónganse procedementos xudiciais co único obxectivo de gañar tempo, sabedores de que os mesmos teñen escaso percorrido pero que pola contra teñen repercusións económicas para todas e todos moi gravosas”.
Seara toma como exemplo o acordo acadado pola Xunta de Goberno Local celebrada o venres día 13 de decembro e no que, en base a un auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense, corríxense e actualízanse os xuros correspondentes á execución definitiva da sentenza do procedemento promovido no seu día por Urbanos de Ourense SL. “no auto establécese por erro, como cantidade devengada en concepto de xuros até o 31 de decembro de 2023 a suma de 1.837.499,61 euros en lugar dos 1.448.508,04 euros, é dicir, un incremento de 388.991,61 euros que sairán do peto de todas e todos os veciños de Ourense”.
Luís Seara denuncia que “estamos diante dunha sentenza do ano 2019 que o Goberno Local, como noutros tantos casos, non quixo asumir pese a ser coñecedores de que os recursos que se puideran presentar tiñan moi pouco percorrido máis alá de gañar tempo, un tempo que nos sae moi caro ás veciñas e veciños xa que a día de hoxe, e falamos a 31 de decembro de 2023, os xuros soamente por esta sentenza están preto dos dous millóns de euros sen contar que estamos en decembro de 2024 e a sentenza segue sen executarse polo que os mesmos seguirán aumentando”.