O BNG demanda dotar a comarca de Valdeorras coas infraestruturas institucionais comprometidas pola Deputación de Ourense

Roberto Quiroga, Xosé Manuel Puga e María Albert
Roberto Quiroga, Xosé Manuel Puga e María Albert

Xosé Manuel Puga “non se pode seguir falando de cooperación cos concellos mentres infraestruturas, financiadas con cartos públicos e anunciadas como estratéxicas, fican fechadas e abandonadas”

María Albert “Este edificio converteuse nunha ruina que está afectar á seguridade da veciñanza e dos edificios colindantes”

O BNG demanda dotar a comarca de Valdeorras coas infraestruturas institucionais comprometidas pola Deputación de Ourense

O deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga, xunto a María Albert, alcaldesa da Rúa e Roberto Quiroga, responsable comarcal do BNG de Valdeorras, compareceron esta mañá en rolda de prensa desde a comarca de Valdeorras para anunciar ante os medios de comunicación a iniciativa que o Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno da Deputación de Ourense este venres 19, na que a organización nacionalista reclama a posta en funcionamento inmediata do edificio adquirido pola institución provincial na Rúa para acoller a primeira delegación territorial en Valdeorras.

Na rolda de prensa, o deputado nacionalista explicou que a moción que se debaterá no pleno insta ao goberno provincial a retomar de inmediato o proxecto de rehabilitación do edificio, cun calendario claro e recursos suficientes, para que entre en funcionamento no menor prazo posible. A proposta do BNG defende que esta sede sexa unha delegación operativa real, con servizos provinciais efectivos para a comarca, como a recadación e xestión tributaria dos concellos, a asistencia técnica, xurídica e administrativa, o soporte informático e da administración electrónica, así como un punto estable de atención á cidadanía e de coordinación cos concellos de Valdeorras. Ademais, reclámase a creación dunha mesa de traballo cos concellos e os grupos políticos para definir de maneira conxunta as necesidades e servizos que debe albergar o edificio, así como a publicación transparente de toda a documentación relativa ao proceso e o compromiso firme de que o inmoble non permaneza sen uso.

O deputado provincial, sinalaba  que esta iniciativa parte dunha realidade incontestábel: “Numerosos concellos de Valdeorras teñen delegadas na Deputación funcións esenciais”, e todo indica que esta tendencia irá en aumento. “Falamos dunha administración situada a máis de cen quilómetros da veciñanza de Valdeorras, a máis dunha hora e media por estrada e con non poucos problemas de conectividade telemática”, unha circunstancia que, como sinalou, fai “máis preciso reforzar e manter a xestión de proximidade dos servizos municipais, especialmente en comarcas como Valdeorras”.

Puga sinalou que foi xa no ano 2022 cando a Deputación “anunciou publicamente a adquisición dun inmoble coa finalidade de habilitalo como sede da primeira delegación territorial da institución en Valdeorras”, sinalaban desde a organización nacionalista, un proxecto que fora presentado como estratéxico e incluído mesmo no Plan de Mandato, pero que “transcorridos máis de dous anos non rexistrou ningunha actuación visible”.

edificio deputación Valdeorras
edificio deputación Valdeorras

Segundo denunciou Xosé Manuel Puga, “o edificio adquirido con fondos públicos e anunciado como un proxecto estratéxico non pode seguir deteriorándose nin permanecer sen uso”, máis aínda cando se atopa “pechado,  nun evidente estado de abandono e ameazando derrube”. Para o deputado do BNG, esta situación está a xerar “preocupación e desconcerto entre a veciñanza da comarca”, nun momento no que Valdeorras “precisa maior investimento público, reforzo institucional e unha presenza real das administracións”.

María Albert, alcaldesa da Rúa, sinalaba que o propio concello ten feito labores de consolidación en varias ocasións, xa que partes da fachada e do lousado caeron á vía pública, co conseguinte risco para as persoas. E, ata agora, a Deputación, como pode observar calquera persoa que pase por alí, non fixo nada ao respecto.  “Desde que o  BNG chegou á Alcaldía da Rúa, puxémonos en contacto coa Deputación, tanto con Presidencia como coa deputada asignada a Valdeorras, así como cos propios técnicos da Deputación, para alertar da problemática deste edificio.”

Finalmente, o deputado provincial do BNG insistiu en que a proposta busca garantir “un uso eficiente dos recursos públicos”, evitar o deterioro do patrimonio común e facer realidade o compromiso adquirido pola Deputación. “É imprescindible activar unha planificación inmediata para converter este edificio nun verdadeiro centro comarcal de servizos provinciais, achegando a administración á cidadanía e cumprindo coa función coa que foi anunciada”, concluíu.

 

O BNG demanda dotar a comarca de Valdeorras coas infraestruturas institucionais comprometidas pola Deputación de Ourense