O BNG reivindica o comercio local e de proximidade a través da campaña “mellor local, mellor galego”

Presentación da campaña 12.12.25
Presentación da campaña de apoio ao comercio local.

No acto de presentación levado a cabo na mañá deste venres ás portas da Praza de Abastos nº 1 de Ourense, o Portavoz municipal do BNG Luís Seara reivindicou que “o consumo de produtos galegos e no comercio de proximidade non é só unha cuestión económica, é cohexión social, equilibrio territorial e defensa do noso futuro produtivo”

O BNG reivindica o comercio local e de proximidade a través da campaña “mellor local, mellor galego”

Ourense, 12 de decembro de 2025. Como cada ano por estas datas tan sinaladas, o BNG presentou esta mañá, ás portas da Praza de Abastos provisional nº 1 de Ourense, a campaña “mellor local, mellor galego” coa que pretende concienciar á veciñanza da importancia do pequeno comercio e de proximidade e da necesidade de apostar por produtos galegos.

No acto de presentación estiveron boa parte dos membros do Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, o deputado no Pazo do Hórreo Iago Tabares, cargos orgánicos do BNG e representantes das praceiras e praceiros. O Portavoz municipal dos nacionalistas Luís Seara, comezou a súa intervención reinvindicando que “en Galiza contamos cun tecido produtivo único. Unha combinación de terra, mar e saber facer que nos permite ofrecer alimentos e produtos de calidade extraordinaria”. Ao que engadía, “porén, a política da Xunta de Galiza, continúa apostando por un modelo de consumo que favorece ás grandes superficies e o capital transnacional, mentres deixa cada vez máis desprotexidos ao sector primario, a industria de transformación e o comercio de proximidade”.

Para Luís Seara “a aposta polo consumo de produtos galegos e polo comercio de proximidade non é só unha cuestión económica, é cohexión social, equilibrio territorial e defensa do noso futuro produtivo. Cun apoio decidido ao comercio local, Galiza pode xerar emprego digno, dinamizar a vida económica e social e garantir que a riqueza produtiva fique aquí”.

Desde a formación nacionalista aseguran defender “un marco comercial que protexa as pequenas tendas, que garanta condicións xustas para as persoas autónomas e que revitalice os mercados locais e as zonas comerciais tradicionais. Apostamos por un país que produza, transforme e venda o seu, sen depender das imposicións das grandes cadeas nin das plataformas dixitais que impoñen prezos e condicións”.

Comercio de proximidade.

1765537300899
Momento da presentación da campaña

Contar cun tecido comercial forte e enraizado no territorio, desde a proximidade do local é, para o BNG, “esencial para o desenvolvemento do noso país. Por iso debemos actuar para impedir que siga avanzando o feche de estabelecementos comerciais, que xogan un papel moi importante na actividade económica local e na revitalización dos concellos, que ofrecen servizos de calidade e confianza e que crean emprego estábel”.

Seara aposta por “garantir un comercio de proximidade con futuro que pasa por mudar hábitos e apostar polo produto local. Desde o BNG temos claro que o comercio local non é pasado, é presente e futuro. Apostar polo noso comercio é apostar por Galiza”.

Con esta campaña, o BNG pretende impulsar iniciativas tales como unha nova Lei do Comercio Local. Promover o consumo de produtos locais e galegos. Frear ás grandes superficies comerciais. Recuperar e revitalizar os mercados municipais. Fomentar a produción alternativa e ecolóxica. Impulsar unha marca galega de calidade e identificación da orixe dos produtos hortícolas, pesqueiros e marisqueiros. Garantir prezos xustos para quen produce. Regular os horarios comerciais ou mesmo despregar liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade.

Traballadores autónomos.

O Portavoz nacionalista no Concello de Ourense tamén fixo fincapé no papel fundamental das traballadoras e traballadores autónomos advertindo que “son unha peza esencial da economía galega, sostendo milleiros de pequenos negocios, talleres, comercios e iniciativas emprendedoras que dinamizan e xeran riqueza e emprego”.

Por iso defendemos medidas que lles garantan estabilidade e condicións xustas. Cotizacións adaptadas aos ingresos reais, menos burocracia, máis protección social, acceso a financiamento e apoio á dixitalización. Apoiar o traballo autónomo é fortalecer a economía local e o futuro da Galiza”.

Praza de Abastos nº 1 de Ourense.

O lugar escollido polo BNG para a presentación da campaña non foi casual senón que respostaba á necesidade de “amosar, unha vez máis, o noso apoio e compromiso cara un modelo de xestión e de facer as cousas co que coincidimos plenamente desde o BNG. Seguimos insistindo na necesidade de que as praceiras e praceiros abandonen canto antes o espazo que ocupan na Alameda e que o poidamos recuperar para o conxunto da veciñanza, mais o traslado ao edificio rehabilitado tense que facer en condicións óptimas para que poidan seguir desenvolvendo a súa actividade cun mínimo de dignidade”.

Logo de todos os ofrecementos feitos, entendemos que se non se chega a un entendemento é única e exclusivamente porque o Alcalde non quere e ante iso o que lle pedimos unha vez máis desde o BNG é que sexa claro, que se deixe de reviravoltas e que sexa valente. Que diga con clareza que o que quere é mudar o modelo de xestión da Praza de Abastos e que para facelo, as praceiras e os praceiros sobran”.

O BNG reivindica o comercio local e de proximidade a través da campaña “mellor local, mellor galego”