O BNG denuncia a ausencia de atención pediátrica durante o verán no Centro de Saúde de Coles, deixando sen servizo ás poboacións de Coles, Amoeiro, A Peroxa e Vilamarín
Desde a formación nacionalista entenden que a medida prexudica gravemente á veciñanza nunha época do ano, a estival, na que se incrementa o número de poboación nos concellos afectados que contan ademais cun deficiente sistema de transporte coa capital
Ourense, 29 de xuño de 2024. No Centro de Saúde de Coles concéntrase a asistencia médica pediátrica da poboación dos concellos de Amoeiro, Vilamarín, A Peroxa e Coles mediante a presenza dunha facultativa dous días a semana para atender a saúde de aproximadamente 700 cativos e cativas das máis de 40 parroquias que compoñen os 4 concellos sinalados.
Desde o BNG, o deputado Iago Tabarés, sinala que “o feito de que soamente se atenda pediátricamente dous días á semana provoca que a mocidade destes concellos teña que ser atendida en Centros máis afastados dos seus domicilios, vía ordinaria en Ribadavia ou mediante as Urxencia no CHUO, se ben neste último caso non estaría garantida que a atención fose prestada por unha especialista en pediatría”.
Mais esta precaria atención pediátrica que padece a poboación de Coles, Amoeiro, Vilamarín e A Peroxa, consecuencia, segundo denuncian desde o BNG, da neglixente despreocupación da Xunta de Galiza, “ameaza con agravarse durante os meses do verán, nos que segundo diversas informacións, o Centro de Saúde de Coles non disporá de especialista en pediatría ningún día”.
E é que segundo Tabarés, “xa se informou ás usuarias de que a partires do un de xullo, a Xunta suspenderá toda asistencia facultativa de pediatría no Centro de Saúde de Coles, non mantendo nin sequera o precario servizo de que dispuña a poboación destes catro concellos”.
Para os nacionalistas, a falla de previsión do Executivo galego, “obrigará ao desprazamento da veciñanza ao Centro de Saúde de Ribadavia para poder recibir atención pediátrica”, e engaden, “desprazamentos de máis dunha hora en vehículo particular”.
O deputado Iago Tabarés denuncia que con esta decisión, “a Xunta continúa co seu avance no desmantelamento e precarización dos servizos públicos, na renuncia a calquera medida de reequilibrio territorial e da defensa dos dereitos básicos da poboación de Galiza, atinxindo principalmente á do interior”.
No BNG adiantan que formularán iniciativas no Pazo do Hórreo instando á Xunta de Galiza a que, con carácter inmediato, “tome as medidas necesarias para garantir durante todo o ano, tamén nos meses de verán, a asistencia médica pediátrica no Centro de Saúde de Coles”.