O BNG pide solucións urxentes ás deficiencias da Ponte Mandrás
Desde a formación nacionalista veñen de rexistrar varias iniciativas no Parlamento de Galiza co obxecto de reclamar á Xunta solucións ás deficiencias que presenta a Ponte así como a súa posta en valor
San Cristovo de Cea, 28 de xuño de 2024. A coñecida como Ponte Mandrás é unha ponte medieval que, ao tempo, dalle nome a unha aldea da parroquia de Mandrás, no Concello ourensán de San Cristovo de Cea. Segundo sinalan desde o BNG, “trátase dunha ponte dun arco de medio punto sobre o río Barbantiño no curso do Camiño Real entre Ourense, desde a zona de Amoeiro e Santiago de Compostela e que data orixinalmente do século XIII”, e engaden, “cabe sinalar que por aquí pasa tamén o Camiño de Santiago a través da Vía da Prata”.
O Portavoz municipal do BNG no Concello de Cea Manuel Pérez, sinala que “durante moitos anos esta ponte medieval tivo gran parte da súa calzada cuberta por terra e outros materiais, impedindo a vista da pedra. En época recente foi acometida unha reparación mediante a cal foi despexada esta superficie e foron reparadas diversas pedras coa colocación de novos materiais”.
“Ademais, houbo un acondicionamento na súa contorna. Porén, a día de hoxe obsérvase aínda a necesidade de rematar a limpeza e de resolver cuestións como a existencia dun cableado de luz que a atravesa sen unha colocación adecuada nin do punto de vista patrimonial nin da seguridade”.
Así mesmo, desde a formación nacionalista advirten que, “existe preocupación e confusión na veciñanza respecto de cal é o proxecto final para a zona, toda vez que nun dos accesos o vial parece sen rematar e sen saber cal vai ser a solución para o tráfico viario que continúa a pasar pola ponte sen que se habilitase por parte de administración ningunha alternativa próxima para o paso de vehículos rodados nin tampouco ningunha recomendación ao respecto”.
Co obxecto de obter resposta a todas as dúbidas existentes, para que rematen canto antes os traballos de mellora da Ponte e para a súa posta en valor, o BNG, a través do seu Grupo Parlamentar, ven de rexistrar varias iniciativas no pazo do Hórreo encamiñadas a que o Executivo galego aclare, entre outras, que actuacións vai desenvolver na Ponte, cal é o investimento e como vai ser súa valorización así como cando está prevista a conclusión dos traballos.
Outra das preocupacións nacionalistas baséase no feito de se o acondicionamento realizado é compatible co tráfico de vehículos e de non ser así, cal sería a alternativa para os mesmos.