O BNG denuncia as consecuencias das prioridades de Jácome. As entidades sociais quedan sen fondos por falta de crédito do concello ao tempo que se dispara o gasto en luces e festas
Publicada hoxe no BOP a resolución das axudas ás entidades do terceiro sector, ao redor de dez entidades quedaron sen axuda do Concello de Ourense por “falta de crédito”
A formación nacionalista lembra que desde o inicio do mandato e máis recentemente na última modificación de crédito destinada a Servizos Sociais xa alertaban de que os fondos adicados non eran suficientes
Ourense, 01 de decembre de 2022. No BOP deste xoves 1 de decembro saía publicada a resolución da convocatoria de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais do Concello de Ourense.
En dita convocatoria pódese aprezar como ao redor de 10 entidades e asociacións que desenvolven o seu traballo con persoas en situación de vulnerabilidade quedaron sen as axudas ás que optaban por “falta de crédito suficiente” nunha partida que ascendía até os 323.262,53 €.
Para o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense o feito de que entidades como AFAOR, Auria Diabética, Asociación de fibromialxia, Fundación Neuroburgas, ALCER Ourense, Amigos de Galicia, Asociación para o dano cerebral, DISCAFIS - COGAMI ou AMENCER entre outras, queden sen as axudas ás que teñen dereito “revela ás prioridades do actual Goberno Local, empeñado en dilapidar cartos públicos en luces e festas e non en atender as necesidades de tantas veciñas e veciños de Ourense que precisan destas asociacións e dos programas que desenvolven para poder ter unha vida digna”.
O Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara lembra ademais que “desde case que o inicio do mandato xa advertimos da necesidade de incrementar as contías adicadas aos servizos sociais pois continuamente obsérvanse como insuficientes, mesmo na última modificación de crédito aprobada polo Pleno de 400.000 euros xa advertimos de que non era suficiente e como consecuencia temos a día de hoxe máis de 80 nenas e nenos sen poder acudir ao servizo de comedor no seu colexio”.
No BNG insisten na necesidade de centrar o foco e dirixir todos os esforzos á cobertura de aquelas veciñas e veciños máis vulnerábeis tendo en conta ademais o contexto de crise económica no que nos atopamos. Segundo Luís Seara, “non cuestionamos que haxa gasto en luces de nadal ou na organización das principais festas do concello mais cómpre racionalizar ese gasto e, sobor de todo, non deixar de lado o resto de Concellerías e moito menos á de Servizos Sociais”.
Os nacionalistas anuncia que no Pleno ordinario que o Concello de Ourense ten previsto desenvolver mañá, solicitarán a convocatoria dunha sesión extraordinaria co obxecto de dotar de fondos á Concellería de Servizos Sociais e poder cubrir todas as axudas solicitadas por parte das entidades do terceiro sector que a día de hoxe quedaron sen a achega do concello pese a cumprir con todos os requisitos esixidos.