O BNG reclamará no Pleno do venres a mellora da accesibilidade e a seguridade vial na N-120 ao seu paso por Quintela de Canedo

Rhut Reza e Luís Seara

Faino atendendo as continuas reclamacións da veciñanza que leva anos pedindo a mellora da seguridade vial no treito urbano ao seu paso por este núcleo de poboación.

Pedirán o apoio do resto da Corporación para instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a iniciar os trámites precisos co obxecto de solicitar a delimitación como tramo urbano do treito da N-120 comprendido entre os puntos quilométricos 572,9 e 573,7 ao seu paso por Quintela

O BNG reclamará no Pleno do venres a mellora da accesibilidade e a seguridade vial na N-120 ao seu paso por Quintela de Canedo

Ourense, 30 de novembro de 2022. A mellora da accesibilidade e a seguridade vial na estrada N-120 ao seu paso por Quintela de Canedo será obxecto de debate no Pleno que o Concello de Ourense ten previsto desenvolver este venres, dous de decembro.

O Grupo municipal do BNG rexistrou unha moción na que, en atención ás continuas reclamacións da veciñanza de Quintela de Canedo, solicitarán a mellora da seguridade vial no treito urbano da N-120 ao seu paso por este núcleo de poboación.

Tal e como afirma o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, “desde hai anos, desde diferentes colectivos e nomeadamente desde a Asociación de veciñas e veciños San Miguel de Canedo, véñense reclamando unha serie de melloras no treito comprendido entre os puntos quilométricos 572,9 e 573,7 e cuxo única finalidade é mellorar a accesibilidade e a seguridade de todas as persoas que transitan pola zona”.

Segundo Seara, “unha das demandas veciñais pasa pola instalación dun maior número de pasos de peóns neste treito para permitir que a veciñanza poida atravesar a estrada de xeito seguro e moito máis cómodo xa que, tal e como se pode aprezar, na actualidade non existe ningún punto para cruzar dunha marxe á outra pois o paso peonil máis próximo atópase a uns 700 metros do inicio do tramo ao que nos estamos a referir”.

Luís Seara advirte que “desde o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, vense advertindo da necesidade de considerar o treito ao que nos estamos a referir como “tramo urbano” para deste xeito poder acometer as obras de mellora da seguridade vial”, ao que engade, “este concepto resulta de vital importancia á hora de poder acometer todas as melloras necesarias para mellorar a seguridade e a accesibilidade na zona e dar cumprimento por tanto ás demandas veciñais”.

Os tramos urbanos defínense, segundo se recolle no artigo 47 da Lei 37/2015 de estradas como “aqueles tramos das estradas do Estado que discorran por solo clasificado polo corrrespondente instrumento de planeamento urbanístico e que estean recoñecidos como tales nun estudo de delimitacións de tramos urbanos aprobado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana mediante expediente tramitado pola súa propia iniciativa ou a instancia do concello interesado”.

Porén, para poder considerar este treito como tramo urbano, debe figurar incluído no catálogo de estradas estatais xa que actualmente non existe unha delimitación aprobada polo MITMA. Para que así sexa, o Concello de Ourense debera ser proactivo nesta reclamación e solicitar polo tanto dita inclusión.

O motivo da moción, alegan desde o BNG, “fundaméntase no feito de que o tramo da estrada considerado, cumpre cos requisitos establecidos, é dicir, existen edificacións na maior parte do seu trazado, pola marxe dereita conectan rúas e o ámbito polo que discorre está considerado como urbano no PXOM vixente”.

Por estas razóns é polo que desde o Grupo municipal do BNG, pedirán o apoio do resto da Corporación para instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a iniciar os trámites precisos co obxecto de solicitar a delimitación como tramo urbano do treito da N-120 comprendido entre os puntos quilométricos 572,9 e 573,7 ao seu paso por Quintela de Canedo así como para seguir reclamando ao Ministerio melloras na estrada namentres non se estableza dita delimitación.

 

O BNG reclamará no Pleno do venres a mellora da accesibilidade e a seguridade vial na N-120 ao seu paso por Quintela de Canedo