O BNG denuncia mala praxe na eliminación de pintadas na zona histórica da cidade
O Grupo municipal do BNG denuncia que ditos traballos estanse a realizar sen supervisión da Oficina do PERI, empregando pinturas dañinas para as pedras e sen autorización das e dos propietarios
Ourense, 07 de febreiro de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense denuncia a mala praxe do actual Goberno Local á hora de levar a cabo tarefas de eliminación de pintadas na zona histórica da cidade.
Os nacionalistas destacan que persoas que realizan traballos en beneficio da comunidade levan tempo realizando tarefas de eliminación de pintadas na zona histórica, algo que, desde o BNG consideran positivo, mais segundo denuncian, “non están realizando ditos traballos coas pautas e mesmo cos mateirais axeitados”.
O Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara afirma que “a eliminación de pintadas que se leva a cabo mediante o repintado das paredes estase a facer sen o consentimento das e dos propietarios das edificacións tal e como nos teñen manifestado en varias ocasións”.
A maiores e logo das pesquisas realizadas, no BNG afirman que ditos traballos “non contan coa supervisión nin co coñecemento da Oficina de Rehabilitación (PERI) encargada de todo aquilo que ten que ver coa zona histórica da cidade”.
A maior abastanza, desde o Grupo municipal denuncian que as pinturas empregadas tampouco son as axeitadas xa que “estase a empregar pintura plástica sobre muros de pedra. Esta pintura non deixa transpirar, dana a pedra e resulta moi difícil de eliminar”.
Segundo Luís Seara, “os técnicos na materia afirman que neste tipo de actuacións o normal é empregar pintura ao silicato de potasio xa que permite a propia transpiración da pedra e non pintura plástica tal e como se está a facer a día de hoxe”, e engade, “ademais non se está igualando a cor das zonas intervidas coa do resto do edificio”.
Os nacionalistas urxen ao Goberno Local a corrixir esta situación de inmediato para evitar aumentar os danos xa producidos. “instamos ao Goberno a que pare os traballos, a que solicite da oficina do PERI cal debe ser o protocolo e cales as pautas a seguir nos traballos, sobor de todo, no relativo aos materiais a empregar co fin de evitar danos irreparables nas fachadas ao tempo que entendemos necesarios pedir autorización previamente aos propietarios para as intervencións que se van efectuar”.