O BNG solicita a intervención do Presidente do Parlamento de Galiza ante a negativa da Xunta a remitir información sobre varias residencias de maiores da provincia e pese a ter a obriga de facelo
Concretamente o deputado Iago Tabarés, asinante do escrito, quéixase de que, pese a ter pedido en reiteradas ocasións documentación relativa a “incidencias graves”, tal e como as cualifica a propia Xunta, o Executivo galego négase a facilitar os expedientes
Ourense, 31 de xaneiro de 2023. O deputado por Ourense do Grupo parlamentar do BNG no Parlamento de Galiza Iago Tabarés, ven de dirixirse ao presidente da Cámara, o popular Miguel Ángel Santalices para que “no exercicio das atribucións que lle confire o Regulamento do Parlamento de Galiza, requira á Xunta de Galiza a remisión da documentación solicitada por este deputado ao abeiro do artigo 9 e a fin de que se permita o exercicio do deber de control da acción de goberno que teñen atribuído os deputados e deputadas, e que pola Presidencia se impida a vulneración da Xunta de Galiza do dereito fundamental de participación do artigo 23.2 da Constitución”.
O deputado Tabarés argumenta a súa solicitude de intervención da Presidencia do Parlamento no feito de que para o exercicio de control e fiscalización da acción de goberno dos deputados e das deputadas, “a administración ten a obriga de facilitar a documentación que estes requiran”.
Segundo Tabarés, “son numerosas as ocasións nas que se solicitou documentación relativa ás actuacións de control en materia de servizos sociais realizadas pola Xunta de Galiza nas residencias de maiores dos concellos de Nogueira de Ramuín, Chandrexa de Queixa, Esgos, Montederramo e Monterrei durante os anos 2017 a 2021, ambos inclusive, así como dos expedientes relativos aos procedementos administrativos incoados”.
Dito requerimento xorde do feito de que a propia Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, admitiu que “producíronse feitos susceptíbeis de ser cualificados como infraccións graves nas residencias de Esgos, Monterrei e Montederramo, sancionándose á empresa responsable como consecuencia dos mesmos”. Pese a iso, Tabarés denuncia que a Xunta “segue cubrindo á empresa e impedindo o acceso e o estudo dos expedientes”.
Iago Tabarés deixa claro que “para o BNG é necesario coñecer a atención que reciben os maiores ingresados nas residencias polo que é inaceptable a falla de transparencia da Xunta de Galiza”, e engade, “igualmente estamos diante dunha nefasta xestión dos recursos públicos pois a Xunta está a pagar por servizos que non se prestan e que os maiores non reciben, permitindo á empresa beneficiarse dos seus propios incumprimentos”.
Tabarés advirte que “desde o BNG seguiremos insistindo no dereito a unha vellez digna, pola transparencia na atención e nos coidados nas residencias de maiores así como por unha xestión eficiente dos recursos públicos”.