O BNG denuncia a “ocupación ilegal” da cafetería municipal do Xardín Xaponés
Desde o Grupo municipal nacionalista pregúntanse “como vai facer o Concello para cobrarlle a unha empresa, coa cal non existe relación contractual, o diñeiro correspondente ao tempo que leva xestionando unha concesión para a que non está autorizada. O Concello ten “ocupada” unha instalación municipal, nun espazo privilexiado da cidade, pola que non recibe un euro”
Ourense, 28 de xaneiro de 2025. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense volveu comparecer esta mañá diante da cafetería sita no Xardín Xaponés, en pleno centro da cidade. O motivo non era outro que denunciar a “ocupación ilegal” das instalacións por parte dunha empresa que “a día de hoxe non ten ningunha relación contractual co Concello” xa que esta, tal e como puideron comprobar os nacionalista ao revisar o expediente correspondente á liquidación do 4º trimestre de 2024, rematou o pasado 15 de outubro ao resolver a Administración local o contrato, “por incumprimento grave do mesmo”.
O Portavoz municipal do BNG Luís Seara, comezou lembrando que “A Pajarera adxudicouse por un importe de 68.970 euros e por un prazo de cinco anos improrrogables en xullo de 2020. Este foi, segundo o Alcalde, un dos grandes éxitos da súa xestión” e engadiu, “sabedes que nós fomos os únicos que puxemos en cuestión esa adxudicación e o certo é que o tempo deunos a razón”.
E é que raíz da detención e posterior prisión preventiva do adxudicatario, o establecemento estivo pechado durante varias semanas, concretamente desde o 22 de agosto ao 5 de setembro de 2023, tal como consta nas actas dos inspectores de comercio do Concello. O propio responsable do contrato personouse no local e constatou que o nome que aparece na fachada non se correspondía co do adxudicatario. Conclúese polo tanto que á vista dos feitos, existe unha infracción moi grave en aplicación do art. 20C do prego de condicións administrativas: ceder, arrendar ou traspasar o local sen a preceptiva autorización municipal.
Luís Seara afirma que “á vista dos feitos antes sinalados, o BNG presentou unha serie de preguntas no Pleno, entre elas si o Concello iniciara un expediente para rescatar a adxudicación, e de non ser así, se tiñan pensado facelo. A contestación do Alcalde foi que non, porque era unha cuestión que afectaba a un particular, obviando que se trataba do incumprimento dun contrato público”.
“O tempo deixou en evidencia ao Alcalde, que á vista do informe da Intervención municipal, non lle quedou outra que resolver o contrato por incumprimento culpable do contratista consistente na cesión non autorizada do contrato e incautar a garantía definitiva prestada en forma de aval, é dicir 14.250 euros”.
Pero para a formación nacionalista, o máis chamativo é que pese a que a Xunta de Goberno Local, “o pasado 30 de xullo de 2024 resolveu o contrato, a cafetería segue aberta desde o 15 de outubro, data na que se asinou o decreto da Alcaldía e xestionada por unha empresa, que non foi inicialmente a adxudicataria e coa que o Concello non ten relación contractual algunha”.
Fontes do BNG sinalan que “pedimos copia das liquidacións correspondentes ao canon dos trimestres de 2024 atopándonos o seguinte. Os canons correspondentes aos tres primeiros trimestres foron liquidados integramente. Do cuarto trimestre liquidóuselle un total 2.811 euros, do periodo comprendido entre o 1 de outubro e 15 de outubro, data de resolución do contrato”.
Pese ao anterior, a cafetería continúa aberta polo que Seara ten clara a situación. “Hai un contrato que se resolveu por cesión ilegal. Ese terceiro, que non ten contrato co Concello, segue xestionando a cafetería polo tanto preguntámonos, como é posible que o Concello permita que unha empresa, coa que non ten contrato, xestione unha concesión pública. Vai seguir permitindo unha ilegalidade tan manifesta. Como vai facer o Concello para cobrarlle a unha empresa, coa cal non existe relación contractual, o diñeiro correspondente ao tempo que esta empresa leva xestionando unha concesión para a que non está autorizada”.
No BNG conclúen que, “a situación é inaudita, o Concello de Ourense ten ocupada unha instalación municipal, nun espazo privilexiado da cidade, pola que non recibe un só euro”.