O BNG pide ao Parlamento a reprobación de Baltar e a súa dimisión como senador por designación autonómica

Noa Presas aRQUIVO
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense

A deputada por Ourense Noa Presas critica a “pouca exemplaridade” do político do PP, que mentiu sobre a velocidade á que viaxaba e “aínda hoxe oculta detalles sobre o uso privado dun vehículo da Deputación”

O BNG pide ao Parlamento a reprobación de Baltar e a súa dimisión como senador por designación autonómica

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro, 2025. As vinte cinco deputadas e deputados do BNG veñen de rexistrar pola vía de urxencia unha iniciativa para reclamar do Parlamento a reprobación de Xosé Manuel Baltar pola comisión dun delito contra a seguridade viaria e pola súa “falta de exemplaridade” como cargo público “ante un asunto tan importante socialmente”. O grupo nacionalista propón así mesmo que o Parlamento manifeste a “falta de adecuación da súa persoa a este cargo”.

Unha persoa con este historial, con tan pouca exemplaridade non pode ostentar o cargo de senador por designación autonómica”, advertiu a deputada do Bloque por Ourense Noa Presas tras coñecerse esta mañá que o político do Partido Popular foi condenado polo Tribunal Supremo por un delito contra a seguridade viaria, ao quedar probado que circulaba a máis de 200 quilómetros por hora cun vehículo oficial da Deputación de Ourense pola autovía A-52.

Na iniciativa rexistrada, o BNG lembra que o PP “premiou” a Baltar como senador por designación autonómica, “ocupando un dos postos que corresponden á elección directa por parte do Parlamento Galego”. Unha “responsabilidade política enorme” para que a que foi escollido grazas á maioría absoluta do PP despois de que transcendesen á opinión pública “uns feitos gravísimos que contribúen ao cuestionamento da política e da súa representación por parte da sociedade”, considérase na proposición non de lei en alusión a que Baltar foi interceptado pola Garda Civil á altura de Zamora por conducir a máis de 200 KM/h.

É un escándalo porque esta persoa mentiu sobre a velocidade á que viaxaba e aínda hoxe oculta detalles sobre o uso privado que se facía dun recurso público”, apuntou hoxe Presas referíndose ao vehículo da Deputación que conducía Baltar, que posteriormente protagonizou diferentes episodios polos que demorou o seu paso pola xustiza en varias ocasións para evitar a coincidencia con procesos electorais, apúntase tamén na iniciativa.

Na exposición de motivos para pedir a reprobación de Baltar, a quen o BNG pide a dimisión, arguméntase ademais que, ademais da comisión dun delito, “neste caso estamos a falar de superar a velocidade establecida nun límites tan altos que superan con moito a velocidade máxima posible das vías de alta capacidade”. “É, polo tanto, un mal exemplo para a sociedade que non pode ser xustificado baixo unha equivocación”, engaden os deputados do Bloque, subliñando ademais o traballo que dende hai ano se fai no Parlamento galego a través da comisión de seguridade viaria e de declaracións institucionais periódicas para concienciar á sociedade sobre “un problema de enorme impacto social no noso País”.

O BNG pide ao Parlamento a reprobación de Baltar e a súa dimisión como senador por designación autonómica