O BNG denuncia no Parlamento a actuación da Xunta prevista na calzada do Casco Histórico de Maceda

Iago Tabarés, deputado do BNG
Iago Tabarés, deputado do BNG

Tabarés demanda modificar o proxecto para que a capa superior sexa de lastros, acondicionando os actuais e colocándoos de novo, e que non sexan substituídos por un pavimento de formigón.

O BNG denuncia no Parlamento a actuación da Xunta prevista na calzada do Casco Histórico de Maceda

O Deputado do BNG, Iago Tabarés, ven de rexistrar no Parlamento de Galiza unha inciativa para denunciar a destrución de valor patrimonial da calzada do Casco Histórico de Maceda cunha actuación proxectada pola Xunta de Galiza, que non atende nin ao informe do departamento de patrimonio Cultural  para o acondicionamento e mellora viaria da zona, de grande valor patrimonial e protexido polo Plan de Urbanismo do Concello.

 “Esta é unha intervención nun espazo de gran valor histórico sen que que conste a existencia de informe favorable do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza”, sinala  o deputado do BNG, e o informe que existe indica que “ ten que ser revisado o criterio xeral de intervención nas rúas (Aureliano Ferreiro e As Canteiras)”

Tabarés demandou modificar o Proxecto de remodelación das rúas Aureliano Ferreiro e As Canteiras para que a capa superior da plataforma sexa fundamentalmente de lastros, acondicionando os actuais e colocándoos de novo, e sen prexuízo da utilización complementaria, no que poda ser compatible, coa utilización tamén de outros materiais.

Tal intervención supón admais da perda de valor histórico, pola demolición dos pavimentos de lastros e lousas de pedra actuais por pavimento de formigón, unha priorización do vehículo a motor sobre o peón,  “pois non ofrece moita dúbida que tal actuación vai permitir aos vehículos circular a unha maior velocidade por unhas zonas no que o transito peonil é frecuente e que deberían acondicionarse para que o fose máis.”

Tal intervención debería perseguir a humanización, valorización e conservación do casco histórico de Maceda e a seguridade viaria , e non exclusivamente na circulación de vehículos a motor polo centro do núcleo urbano.

 Neste senso o deputado do BNG esixiu á Xunta realizar, en coordinación co Concello de Maceda, un estudo para a posta en funcionamento dunha circunvalación que conecte as cinco principais vías de entrada e saída da vila para reducir a circulación polo centro urbano.

 

Un proxecto incompleto: non soluciona as necesidades demandadas pola veciñanza.

O proxecto adxudicado pola Xunta de Galiza sobre a “Capa de rodadura e reparación de beirarrúas en OU-104 (Maceda, P.Q. 5+370-5+980) e mellora da accesibilidade na OU-101 e OU-103”, adxudicado o día 15 de febreiro de 2022 por un importe superior ao medio millón de euros, en concreto, por 521.957,83€,  non se contempla a realización de actuación algunha para solucionar as deficiencias que presenta a rede de abastecemento de auga e a de saneamento de augas residuais sobre as que xa van case 40 anos da última actuación para a súa conservación. 

Ante isto Tabarés tamén demandou no Parlamento realizar, antes de construír a nova plataforma, as obras de infraestrutura necesarias para solucionar definitivamente as deficiencias que a día de hoxe hai no servizo de subministro de  auga potable, recollida de augas pluviais e residuais, cableado, etc. polo que é necesario unha nova canalización da subministración de auga potable, nova recollida de augas residuais e pluviais, canalizacións para o servizo de electricidade, fibra óptica e gas, para evitar obras de reparación e de instalación de novos servizos nos vindeiros anos.

O BNG denuncia no Parlamento a actuación da Xunta prevista na calzada do Casco Histórico de Maceda