O BNG levará a pleno a crecente proliferación de roedores en varias zonas do concello
A través dunha moción solicitarán ao Goberno Local abordar a problemática con medidas que vaian máis alá da desratización xa que a mesma por sí soa e segundo apuntan os expertos, non é suficiente
Ourense, 17 de xuño de 2022. Segundo afirman os expertos, unha praga de ratas pode converterse nun dos maiores riscos para a saúde. Estes roedores transmiten gran cantidade de enfermidades coma poden ser a rabia, a cólera ou a peste entre outras, ao tempo que son unha das pragas máis difíciles de controlar xa que posúen unha alta capacidade de adaptación ao medio, unha alta capacidade de reprodución e unha crecente resistencia aos raticidas e velenos.
Outro dato a ter moi en conta é que son moi difíciles de erradicar cando conseguen penetrar no interior de vivendas, sobor de todo, se falamos de edificacións baleiras, onde poden ocasionar graves danos estruturais e eléctricos, co risco que iso conleva.
Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, á problemática dos roedores que nas últimas semanas tanta alarma social están a xerar entre a veciñanza lonxe de ser un problema localizado, estase extendendo por máis zonas do concello.
Desde a formación nacionalista advirten que os propios técnicos da empresa expresaban que as tarefas de desratización pese a cumprir coa súa función básica, son por sí soas un “sensentido” xa que tal e como afirman, “pese a que comen os cebos instalados, a cantidade de edificios baleiros nos que non se entra a limpar provoca que proliferen”, incidindo en que “habería que sanealos e tapialos”. Fan referencia tamén aos contedores de lixo da zona histórica, advertindo que, “por moito veleno que botemos, ao ter os contedores de lixo e os restos de comida, as ratas van seguir saíndo para comer”.
A situación dos contedores de lixo, tamén foi obxecto de debate como consecuencia dunha iniciativa presentada polo BNG e na que se propuña estudar a implementación do servizo de recollida porta a porta e mesmo eliminar físicamente os contedores durante boa parte do tempo das rúas xa que, tal e como se pode comprobar a calquera hora do día ou da noite, son o lugar escollido por centos de roedores, os cales remexen tanto dentro coma fóra deles en busca de comida.
Ante esta situación, desde o BNG solicitarán ao Goberno Local tomarse en serio a situación e intensificar as tarefas de control, limpeza e desbroce dos solares e das edificacións baleiras ou abandonadas así como a buscar alternativas no servizo de limpeza e recollida de lixo que eviten a presenza constante de contedores cheos de lixo nas rúas, sobor de todo, da zona histórica e paliar deste xeito xunto ás tarefas de desratización a proliferación dos roedores.