O BNG denuncia no parlamento galego a neglixencia sanitaria á que se está expondo aos bañistas do encoro das Conchas
Iago Tabarés trasladou ao Parlamento que a pesar de que a Consellaría de Sanidade decretou o nivel 3 de alerta por contaminación, debido á concentración de cianobacterias, os baños continúan producíndose con normalidade no encoro e que non existe advertencia ás persoas usuarias. E esixe que a Xunta tome medidas.
O deputado do BNG, Iago Tabarés, reclama no parlamento galego accións por parte da Xunta de Galiza para controlar e garantir o cumprimento das medidas preventivas necesarias para evitar o risco para a saúde pública derivado da contaminación das augas do encoro das Conchas.
A pesares da alerta sanitaria, establecida pola Consellería de Sanidade, pódese comprobar como os baños continúan producíndose con normalidade, mesmo con gran afluencia de turistas, e que ou non existe advertencia ou é confusa sobre estado das augas e dos riscos do seu uso, pola detección de espumas e natas de cianobacterias cunha “alta probabilidade de efectos adversos para a saúde” como explicitan os comunicados da Consellería de Sanidade publicados os días 6, 13 e 20 de agosto.
“A Consellaría de Sanidade decretou hai tres semanas o nivel de alerta 3 nas augas do encoro, e aconsella prohibir o baño e actividades de contacto coas augas; mais non fai nada por comprobar se esas recomendacións se cumpren.” Indica o deputado nacionalista.
Existe, manifesta Tabarés, unha palmaria discrepancia entre os resultados das análises realizadas pola Xunta de Galiza no encoro das Conchas e as medidas preventivas e informativas adoptadas polos Concellos de Bande e Muiños, que ou ben pode ser pola ausencia de información e de recomendacións da Xunta, ou ben polo caso omiso que estes concellos fan ás instrucións da Administración Sanitaria; constituíndo, en todo caso, unha grave neglixencia que pode afectar á saúde das persoas.
Esta iniciativa sumase ás denuncias xa realizadas polo BNG da comarca de Celanova Baixa Limia, que ademais esixe que tanto a Dirección Xeral de Saúde Pública, responsábel de emitir as alertas, como a Consellería de Sanidade, e os gobernos locais de Bande e Muíños, poñan todos os medios necesarios para informar continuadamente e suficientemente a todas as usuarias e usuarios do encoro e vixíen as zonas habituais de baño para que os bañistas non fagan uso das augas poñendo en risco a súa saúde.