O BNG denuncia o dobre pau de medir de Jácome no cobro de taxas pola ocupación do espazo público. As asociacións culturais que paguen, ABANCA non.
Os nacionalistas critican que namentras a colectivos e asociacións sen ánimo de lucro se lles esixe o pago de taxas por ocupar o espazo público, o Alcalde, a través dunha providencia, exonera a Abanca do pago.
O BNG rexistrou unha moción para o pleno do vindeiro venres no que solicitará a actualización da ordenanza reguladora das taxas por aproveitamento especial ou utilización privativa do dominio público local, coa incorporación de exencións ao pago de taxas para as iniciativas promovidas sen ánimo de lucro
Ourense, 28 de agosto de 2021. Hai algunhas semanas o Cineclube Padre Feijóo anunciaba a suspensión do seu tradicional cinema de verán ao esixirlle o Concello o pago dunha taxa pola ocupación do espazo público. Dita esixencia é requerida a todas aquelas asociacións colectivos ou mesmo particulares que solicitan permiso para a ocupación temporal do espazo público para o desenvolvemento de actividades ou campañas sen ánimo de lucro.
Desde o BNG xa no seu día cuestionaron o nulo interese e a escasa sensibilidade do actual bigoberno Jácome - PP á hora de favorecer que asociacións ou colectivos culturais poidan facer uso do citado espazo público sen ter quer abonar ningunha taxa sempre que a actividade sexa sen ánimo de lucro, sendo o acontecido co Cineclube Padre Feijóo e segundo o concelleiro Luis Seara, "o claro exemplo da falla de vontade política e amosando un desprezo absoluto cara unha asociación e unhas actividades fondamente arraigadas na sociedade ourensá, máxime nun momento en que o propio concello non oferta absolutamente nada no eido cultural" sendo Ourense, segundo Seara, "un auténtico deserto cultural".
Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense a sorpresa xorde cando, revisando o expediente para a concesión de permiso a Abanca para a instalación dunha serie de paneis informativos nun treito da rúa do Paseo e ante a solicitude de emenda de mellora da solicitude remitida polo departamento que tramita o expediente no que se solicita xustificante de ter abonada a taxa municipal correspondente, o alcalde, Pérez Jácome, dicta unha providencia o pasado día 09 de xullo para iniciar os trámites de colaboración coa Fundación Galicia Obra social Abanca e levar a cabo a exposición "os nosos océanos".
Con dita providencia e en base a esa colaboración, o Concello de Ourense aplícalle á solicitude de Abanca o artigo 92.5 da Lei de Patrimonio das Administracións Públicas e no que se especifica que "non estarán suxeitas ás taxas cando a utilización privativa ou aproveitamento especial de bens de dominio público non leve aparellada unha utilidade económica para a persoa autorizada..."
Para o BNG resulta sorprendente como o alcalde "facilita e exonera a unha entidade bancaria como Abanca do pago de taxas municipais ao tempo que non actúa coa mesma dilixencia cando de asociacións ou colectivos culturais se trata".
Moción pleno de setembro
Como consecuencia dos últimos acontecementos, o BNG rexistrou unha moción que será debatida no pleno do vindeiro día 03 de setembro no que solicitará a actualización da ordenanza fiscal nº 15, Reguladora das Taxas por Aproveitamento Especial ou Utilización Privativa do Dominio Público Local, coa incorporación de exencións ao pago de taxas para as iniciativas promovidas sen ánimo de lucro.
Entenden desde o BNG que os espazos públicos son lugares nos que o desenvolvemento de actividades de carácter cultural, social, deportivo, ou de calquera outra índole, repercuten positivamente na veciñanza ao tempo que rachan coa discriminación ao igualarnos e darnos a oportunidade de participar de ditas actividades nun espazo que ademáis é de todas e todos.
É preciso favorecer e promover a participación cidadá así como a todas aquelas entidades, asociacións ou colectivos que desenvolven un papel importantísimo de dinamización social e cultural dentro do noso concello. Un papel importantísimo na conservación e promoción da cultura e do saber ou mesmo un papel importantísimo na reivindicación e denuncia social.