O BNG denuncia que a carreira do San Martiño perde o seu carácter popular
Os nacionalistas denuncian que o alcalde, coa complicidade do PP, convirte a carreira popular máis senlleira de Galiza nun evento para profesionais pagados con cartos públicos
Ourense, 10 de novembro de 2021. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense denuncia que o actual alcalde, en complicidade co PP, continúa coa súa folla de ruta no que a desmantelamento de servizos e actividades se refire.
Desta volta, o BNG denuncia quer a Carreira Popular do San Martiño perderá nesta edición precisamente o carácter de popular, xa que o alcalde está obsesionado con convertela nun evento cheo de profesionais do atletismo para maior gloria persoal.
A Popular do San Martiño, lembra a concelleira Rhut Reza, “é un referente a nivel galego, superando nos anos previos á pandemia os 11.000 participantes”, e engade, “un evento marcado en vermello por moitos ourensáns e por persoas do resto do país que transformaban as rúas de Ourense nunha auténtica festa, evento que involucraba á rapazada a través dos centros educativos, e que conta con grandes profesionais na súa organización”.
A carreira perderá este ano o seu carácter popular e no BNG moito temen que sexa o primeiro paso do actual alcalde para transformala e convertela “nunha mera pasarela de profesionais e famosos que acaparen o protagonismo da mesma”.
"Os protagonistas da Popular do San Martiño son as nais e os pais, as nenas e os nenos, os grupos de amigos e mesmo os que deciden participar individualmente e desfrutar dunha xornada de convivencia e deporte".
Os nacionalistas censuran tamén o silencio cómplice do PP, quen pese a ostentar as competencias en materia de deporte, “mira cara outro lado e está a permitir que a carreira sexa desvirtuada”.
Desde O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense censuran tamén as acusación e comentarios claramente machistas do alcalde contra Adrián Ben ao declinar o viveirense participar no evento.