O BNG alerta de “vicios” na adxudicación de dous dos lotes do contrato da limpeza de edificios municipais á empresa Aralia Servicios Sociosanitarios, S.A.

Luis Seara, concelleiro do BNG no Concello de Ourense

A mesa de contratación, a pesares de recoñecer que Aralia incumpriu as determinacións do prego de cláusulas administrativas, decidiu considerar subsanábeis as memorias aportadas polos licitadores incumpridores

 

O BNG solicita que á vista dos erros observados, se deixe sen efecto o contrato con Aralia e se proceda a unha nova adxudicación

O BNG alerta de “vicios” na adxudicación de dous dos lotes do contrato da limpeza de edificios municipais á empresa Aralia Servicios Sociosanitarios, S.A.

Ourense, 12 de novembro de 2021. En datas recentes, o Concello de Ourense ven de adxudicar o contrato da limpeza de edificios municipais. Dous dos lotes foron adxudicados á empresa Aralia Servicios Sociosanitarios S.A.

O BNG xa denunciou, antes de formalización do contrato, que o fundador desta empresa, agora diríxida polos seus fillos, estaba incurso en dúas das tramas de corrupción máis importantes da historia da democracia, "Enredadera" e "Gürtel".

O propio José Luis Ulibarri, enviou, en xullo pasado, unha carta á Audiencia Nacional confesando a súa participación na Gürtel e recoñecéndose culpable dos delitos de prevaricación, fraude, falsedade documental contra a facenda pública e tráfico de influencias.

No BNG lembran tamén que xa no seu día, e en aplicación dun acordo plenario, pediron que non se contrate con aquelas empresas incursas en casos de corrupción, ou que vulneran as condicións laborais das traballadoras e traballadores. Os nacionalistas consideran que o proceso de contratación estivo "viciado" desde o inicio.

A mesa de contratación, a pesares de recoñecer que Aralia incumpriu as determinacións do prego de cláusulas administrativas, nomeadamente na falla de parte da documentación relativa ás memorias técnicas, decidiu considerar subsanábel as memorias aportadas polos licitadores incumpridores, conculcando, segundo o BNG, a doutrina do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, en relación co cumprimento dos requisitos exixíbeis no prego de prescripcións técnicas.

Máis non so iso, Aralia non deu cumprimento en tempo e forma ao requerimento da mesa de contratación, a respecto do previsto no artigo 150 LCSP e 15 do PCAP, ao non aportar determinados documentos.

Aínda así, a mesa concedeu cinco días a maiores para aportar a devandita documentación, sendo cuestionable, desde o punto de vista do BNG, toda vez que a PCAP ao falar de subsanacións, limítase aos supostos de erros ou defectos materiais na documentación presentada.

En consecuencia e por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, solicita que á vista dos erros observados, se deixe sen efecto esta adxudicación.

O BNG alerta de “vicios” na adxudicación de dous dos lotes do contrato da limpeza de edificios municipais á empresa Aralia Servicios Sociosanitarios, S.A.