O BNG denuncia que a situación das residencias de maiores segue sen estar controlada
A organización nacionalista aposta por unha contratación de persoal transparente e correspondente a súa categoría laboral
O BNG ven de actualizar a situación de emerxencia polo que atravesan as residencias de anciáns na provincia de Ourense. Destacaron o retraso da Xunta de Galiza ante o acontecido na residencia de San Carlos, en Celanova, e a falta de transparencia sobre o funcionamento dos centros adaptados coma o de Baños de Molgas.
Para a organización nacionalista, a situación alarma nas residencias de anciáns teñen que ter unha mellor xestión por parte da Xunta de Galiza- á que lle demandan máis esforzos- para evitar o desbordamento dos casos como na residencia de Celanova. O BNG lembrou que ten a man tendida ao executivo galego para axudar a resolver esta situación límite. “A administración galega ten que atender as súas funcións e garantir a intervención pública nos centros de maiores de Galiza” aseguraron.
Celanova é o principal foco da provincia e un do máis grandes dos país, segundo os datos analizados, e sinalaron que aínda non está debidamente atendida. A día de hoxe, nesta residencia, só hai catro traballadoras en activo- dun cadro de persoal de 29 persoas- o que “pon de manifesto a necesidade de persoal que ten que ser garantido pola Xunta de Galiza e así, asegurar que a atención destas persoas é suficiente”. Amais, na residencia San Carlos de Celanova aínda continúan 8 positivos que non poden ser desprazados ao centro de Baños de Molgas.
O BNG entendeu que é preciso aumentar a transparencia sobre o funcionamentos destes centros e que “hai que garantir coordinación real entre Política Social e sanidade”. Sinalaron que a información ten que ser pública: tipo de persoal de traballa, número de traballadores e traballadoras, ocupación de doentes así como a evolución da atención.
Así mesmo, dende a organización nacionalista sinalaron a idea de constituír novos centros para dar saída a unha necesidade concreta xa que as previsións que manexaba a Xunta desbordáronse e haberá incremento de casos nos vindeiros días.
Contratación de persoal
Asemade, o BNG afirmou que está a recibir queixas sobre a xestión da contratación de persoal e demanda que esta sexa feita dando toda a información ás persoas que opten e que non se contrate a ningunha persoa por debaixo da súa categoría laboral. Neste sentido, á formación nacionalista preocúpalle que se estea chamando a persoal das listas do SERGAS sen garantir unha adecuada remuneración e o cómputo no hitorial laboral.
Entre as súas propostas volveron reiterar a necesidade de material sanitaria tanto para hospitais como para residencias de maiores destacando a necesidade de Equipos de Protección Individual (EPI) para todo o país.