O BNG denuncia o uso discrecional de vehículos do parque móbil do concello
Segundo puideron constatar os nacionalistas, membros do gabinete do alcalde empregan un vehículo adscrito a Servizos Xerais fóra incluso do horario de traballo
Ourense, 18 de decembro de 2020. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense quere denunciar de novo, unha das múltiples contradicións de Gonzálo Pérez Jácome desde que chegou a alcaldia, neste caso referida á utilización dos vehículos do parque móbil municipal.
Desde o BNG lembran que estando na oposición, Jácome criticou en reiteradas ocasións que algúns funcionarios fixeran uso de vehículos municipais fóra do horario laboral e mesmo que os levaran para os seus domicilios, advertindo de que estabamos ante unha irregularidade e mesmo arremetendo duramente contra o goberno de turno, acusándoo de incompetencia e inoperancia por permitilo.
Unha vez tomada posesión, Jácome anunciou a venda dos vehículos adscritos a alcaldía, afirmando que era un "despilfarro", unha barbaridade e un gasto inútil e que él, como alcalde, faría uso do transporte público para promocionalo e mesmo para axudar ao sector. O BNG quere lembrar que o proceso de venda de ditos vehículos foi un auténtico fracaso e que en contra do dito, o alcalde móvese nun coche arrendado polo concello, coche que aparca onde lle peta.
O Concello de Ourense ven de adquirir un vehículo con adscripción ao departamento de servizo Xerais para atender as súas necesidades. Pois ben, segundo denuncian os nacionalistas e pese a ser un coche ao servizo do departamento de Servizos Xerais, está sendo empregado por persoal eventual de alcaldía, quenes fan uso do mesmo incluso fóra do horario laboral do concello.
Á marxe deste comportamento amtiético, ao BNG preocúpalle as consecuencias que pode ter para o concello un sinistro, pois non é conducido por persoal autorizado do parque móbil do concello.
Para o BNG, estamos diante dunha nova mostra de incoherencia, de soberbia, manipulación e demagoxia dun alcalde e por extensión dun grupo de goberno que actúa contradecindo todo o seu propio discurso do pasado. Os que denunciaban as irregularidades, "as corruptelas" (según eles), os excesos, e o "despilfarro" son agora mesmo os máximos expoñentes de todo iso.