O BNG na deputación de Ourense demanda a mellora da sanidade pública
Bernardo Varela insta ao apoio a destinar máis recursos á Atención Primaria para rematar coas listas de agarda e o colapso das urxencias e a drenaxe de pacientes da sanidade pública á privada para quen poida pagala.
O voceiro do grupo provincial do BNG, Bernardo Varela, traslada ao pleno provincial do venres 23 de decembro toda unha batería de propostas coas que reforzar a Atención Primaria. Desde aumentar os orzamentos da Xunta até chegar a media do Estado; promover un plan retorno dos profesionais; o aumento de categorías; incrementar a estabilidade dos cadros de persoal para que teñan tempo para atender debidamente aos pacientes. Até outras medidas como demandar do Estado o aumento de prazas MIR, a solicitar do SERGAS que dote os servizos de saúde dos medios materias para salvagardar a dignidade dos pacientes e das súas familias. Así mesmo os nacionalista tamén demandarán o apoio público do ente provincial á ILP que SOS Sanidade Pública trasladará ao Parlamento de Galiza para esixir a mellora da Atención Primaria.
“O colapso da Atención Primaria é produto das políticas de desmantelamento do publico e de promoción dos intereses da sanidade privada, impulsadas polo Partido Popular desde a Xunta de Galiza” sinalou o voceiro nacionalista.”
Na moción presentada polo BNG, na deputación de Ourense, ponse de manifesto a responsabilidade do Partido Popular ante a grave situación que padece a sanidade pública en Galiza. Primeiramente por ter aplicando neglixentes recortes orzamentarios, que aínda hoxe en día ten 47 millóns de euros menos que fai 13 anos. Non tomando medidas malia saberen desde fai anos que faltarían profesionais para cubrir todas as prazas existentes, as xubilacións, ou as vacantes. E convertendo en norma as intersubstitucións: con prolongación de xornada para que un profesional faga o traballo de tres ou catro, con contratos precarios e cun maltrato permanente que fan que fuxan, así de 89 MIR de familia que remataron este ano, só 30 aceptaron quedar.
Sinalan os nacionalistas que as medidas tomadas polo Partido Popular nestes 13 anos levaron a un forte deterioro deste servizo público fundamental, e que de funcionar correctamente non sería precisa a sanidade privada. O que supón que o dereito á atención sanitaria, á proximidade, á accesibilidade se teña visto seriamente limitada, pondo o PP en risco á poboación e ós e ás profesionais.
Así mesmo ás veces semella que os recursos son gastados sen criterio, namentres no meu Centro de Saúde de referencia de Allariz, afirma Varela, se instalan televisores para facer o chamamento os pacientes, e sinala, que supoño nunca funcionarán, sendo obvio que non fan falla e que incluso serán un problema para as persoas maiores, se nalgún intre se poñen en funcionamento. Tamén di o voceiro do BNG QUE “lastimeiramente puiden comprobar que non había biombos nas urxencias do CHUO e as profesionais, tiñan que andar sacandoos duns pacientes para outros a cada intervención, algo que lles podo asegurar resulta bochornoso para elas e para os que alí temos a desgraza de acudir.”