Representantes do BNG visitan o centro penitenciario do Pereiro de Aguiar para interesarse polas condicións do centro e dos internos.
Iago Tabarés coñeceu de primeira man o sistema penitenciario ourensá, e demandou da Xunta que asuma as competencias en sanidade penitenciaria e apoie programas para unha “xustiza restaurativa”
O Deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, xunto ao Voceiro do Grupo Provincial do BNG na Deputación de Ourense , Bernardo Varela, e outros representantes do BNG, visitaron o centro penitenciario do Pereiro de Aguirar, para coñecer de primeira man a realidade dos sistema penitenciario ourensá da man da dirección do propio centro.
A dirección do centro penitenciario amosoulles as condicións do centro, os proxectos para a súa mellora, as condicións de vida dos internos e os programas que se seguen neste centro.
Tras a visita, e despois de constatar o necesario incremento de persoal, responsabilidade da administración do Estado, os representantes da organización nacionalista reafirmaronse na necesidade das súas demandas á Xunta de Galiza para a asunción de competencias en materia de institucións penitenciarias, e que de xeito inmediato se dé cumprimento aos reiterados acordos do Parlamento de Galiza para a asunción de competencias en materia de sanidade penitenciaria.
O persoal médico, o persoal sanitario, destinado nos centros penitenciarios non pode depender do Ministerio do Interior e ten que pasar a depender do Servizo Galego de Saúde, tanto para a mellora das condicións económicas e laborais deste profesionais como, e sobre todo, para a mellora dos servizos que se prestan aos doentes internos nos centros penitenciarios .
Así mesmo entendemos e reafirmamos, declara Tabarés, unha aposta decidida pola “xustiza restaurativa” e reclamamos da Xunta de Galiza o apoio a programas dirixidos á rehabilitación e reinserción social dos internos, logo tamén despois da súa excarceración.