O BNG eleva ao Pleno a reapertura da discoteca Desörden
A Formación nacionalista incidirá nas consecuencias que está a ter na veciñanza no tocante ao exceso de ruido, aumento da conflitividade e da suciedade na zona e lembra que son as mesmas que levan anos denunciando e padecendo as veciñas e veciños da zona histórica polo que pedirá a adopción de medidas urxentes
Ourense, 02 de decembro de 2025. A recente reapertura da discoteca Desörden na rúa Valle Inclán número 3 o pasado día 25 de outubro e popularmente coñecida como “Macao”, xerou antes mesmo de que se producise e está a xerar a día de hoxe, unha gran preocupación e un fondo desacougo na veciñanza da zona. O motivo non é outro que o feito de non entender como un local que foi clausurado en 2019 por Decreto como consecuencia da execución de obras que afectaron ás condicións nas que se desenvolvía a actividade así como polo feito de pesar sobre o mesmo dous expedientes, un de revogación da licenza e outro de reposición da legalidade, puidera obter o visto e prace municipal para a súa reapertura.
O Portavoz do BNG Luís Seara sinala que “a veciñanza de Valle Inclán próxima á discoteca, está sufrindo nestes momentos o que a veciñanza da parte sur da zona histórica leva anos denunciando. Exceso de ruído, falla de seguridade, aumento da conflitividade ou exceso de lixo, situacións todas elas que derivan en problemas físicos, psicolóxicos e que mesmo levan anos provocando unha fuxida masiva de habitantes desa zona da cidade, con todas as consecuencias que iso conleva”.
Seara incide en que “a través da presente moción, queremos que o Goberno local asuma a súa responsabilidade, que escoite á veciñanza, que resposte ás múltiples queixas, ás múltiples denuncias e os múltiples requerimentos que esta ten rexistrado no Concello. Que atenda ás súas peticións e que na medida do posíbel actúe e tome as medidas oportunas para paliar as consecuencias que esta reapertura está tendo nas veciñas e nos veciños”.
Pero no BNG son conscientes de que esta situación prodúcese desde hai anos na zona sur da zona histórica, onde se ubican a meirande parte dos establecementos de ocio nocturno polo que, tal e como di o seu Portavoz Luís Seara, “falamos hoxe da discoteca Desörden porque está a causar unha fonda preocupación entre a veciñanza da zona ao reactivarse un problema que parecía quedar no pasado. Pero queremos ampliar o foco e reclamamos que tamén se actúe en todas as zonas da cidade nas que existe esta problemática”.
“Instaremos ao Goberno Local á que adopte todas as medidas que sexan precisas para paliar as consecuencias que para a veciñanza está a ter a reapertura da discoteca, nomeadamente no relativo ao exceso de ruido, á falta de seguridade, ao incremento da conflitividade e ao aumento do lixo e da suciedade xerada no exterior como consecuencia da actividade do local mais tamén que se fagan extensivas ao resto de zonas da cidade nas que existen locais de ocio nocturno”.