O BNG non asistirá á recepción oficial do Concello de Ourense aos hostaleiros recoñecidos cunha estrela Michelin
A Formación nacionalista sinala que “non podemos compartir que por parte do Goberno Local se pretenda, por unha banda, pór en valor o papel da hostalaría Ourensá e por outra, se queira dinamitar un proxecto como o da Praza de Abastos, fornecedor de moitos dos locais no noso concello e xerador de emprego”
Ourense, 01 de decembro de 2025. O Grupo municipal do BNG sinala que “gañar unha estrela Michelin é un recoñecemento excepcional. Coloca a Ourense no mapa gastronómico internacional, atrae turismo, emprega talento local e amosa o potencial creativo da nosa cociña. É sen dúbida un fito a celebrar e por tanto é de xustiza a recepción institucional no Concello de Ourense”.
Porén e tal e como explicita o Portavoz nacionalista Luís Seara, “o convite feito pola Alcaldía non debe facernos esquecer a quen sustenta día a día a nosa identidade culinaria. Os praceiros e as praceiras así coma os pequenos comerciantes da Praza de Abastos. Son elas e eles os que fornecen a estes recoñecidos hostaleiros de produtos de proximidade, frescos e da máxima calidade que fan posible non soamente un restaurante estrelado senón tamén a mesa de tantas casas de Ourense”.
E é que tal e como denuncian desde o BNG, nestes días o Alcalde, nun ataque de irracionalidade nunca antes coñecida, está a pór en risco o modelo da Praza, un modelo de economía circular, de mercado de proximidade, pondo en perigo máis de 200 postos de traballo. “Algo inaudito na política municipal. Aquel que debera loitar con todas as forzas para preservar os postos de traballo adícase a pór paus nas rodas, comprometendo a viabilidade da meirande parte dos postos da Praza”.
Luís Seara entende que diante desta situación “non podemos compartir como, por unha banda, se pretende pór en valor o papel da hostalaría Ourensá, e por outro se quere dinamitar un proxecto como o da Praza de Abastos, fornecedor de moitos dos locais no noso concello e xerador de emprego” e engade, “por todo iso, e en coherencia co noso compromiso cos intereses de Ourense e a defensa do tecido económico local, o BNG non asistirá á recepción do Alcalde”.
O Portavoz do BNG vai máis alá e adianta que “non podemos ir a unha recepción mentres exista un conflito aberto e promovido polo Alcalde. Non podemos brindar cunha man mentres coa outra asina Decretos que ameazan o sustento de centos de familias. Celebrar a excelencia gastronómica está ben, pero a verdadeira excelencia mídese tamén pola saúde dos seus mercados, polo apoio ao comercio de proximidade e pola xustiza do que é de todos e todas”.