O BNG encara a súa XVII Asemblea Nacional do vindeiro 07 de novembro co reto de culminar o cambio político transformador na Galiza coa presidencia da Xunta

GR
Sarín Núñez, Noa Presas, Luis Seara, Rhut reza e Iago Tabarés durante a presentación da XVII Asemblea Nacional

Segundo o responsable Comarcal Sarín Núñez "Somos unha organización forte, presente e enraizada en todo o país, que está a vivir un proceso de medre organizativo nos últimos anos e que se marca como un dos obxectivos centrais agrandar a base social do nacionalismo para reforzar o BNG como alternativa política".

O BNG encara a súa XVII Asemblea Nacional do vindeiro 07 de novembro co reto de culminar o cambio político transformador na Galiza coa presidencia da Xunta

Ourense, 19 de outubro de 2021. O BNG encara a súa XVII Asemblea Nacional do vindeiro 07 de novembro no Coliseum da Coruña co reto de "pechar unha etapa e comezar un novo ciclo, de reforzamento do proxecto nacionalista, que buscamos culminar coa consecución dun cambio político transformador na Galiza no 2024, co BNG na presidencia da Xunta".

Así o manifestou o responsable comarcal da organización nacionalista Sarín Núñez, quen acompañado da deputada Noa Presas, do deputado Iago Tabarés e do Concelleiro Luis Seara, compareceu esta mañá en rolda de prensa diante dos medios.

Segundo Núñez, "Somos unha organización nacional, forte, presente e enraizada en todo o país, que está a vivir un proceso de medre organizativo nos últimos anos e que se marca como un dos obxectivos centrais agrandar a base social do nacionalismo para reforzar o BNG como alternativa política".

Tamén salientou que a Asemblea Nacional do BNG "é un proceso democrático e participativo sen comparación con ningún outro de ningunha forza política, e no que a militancia decide activamente a liña política e a dirección da organización para os vindeiros anos, localidade a localidade, comarca a comarca".

O responsable comarcal do BNG en Ourense quixo pór de manifesto que ademais, "é importante vincular o proceso tamén coa comarca, aproveitando para pór en valor, o alto número de novos militantes da comarca que van participar por vez primeira na Asemblea Nacional, o concorrida e participativa que foi ou vai ser a asemblea e o proceso de debate dos textos na comarca entre outros".

Situación termal

Rematada a intervención de Sarín Núñez e a petición dos medios presentes na rolda de prensa, o portavoz nacionalista no Concello de Ourense Luis Seara, avaliou a situación actual das instalacións termais da cidade e as últimas polémicas xurdidas en torno as máis que evidentes discrepancias entre Jácome e o seu socio de goberno, o PP.

Seara quixo deixar claro que "o BNG foi a única forza política que presentou no momento da tramitación da lei no Parlamento galego unha emenda á totalidade ao considerar que era unha lei lesiva para o noso modelo termal tal e como está deseñado".

Luis Seara afirma que "o PP daquelas, non dixo absolutamente nada, é máis, non admitiu ningunha das propostas formuladas pola oposición e pechouse en banda dicindo que era necesaria e que supuña a panacea para o modelo termal de Ourense".

O portavoz municipal lembrou que ao longo deste mandato, "o BNG xa se referiu a esta cuestión no concello en varias ocasións tanto a través de mocións e de preguntas en xunta de área e acusóusenos de ir en contra dos intereses de Ourense", e engade, "resulta que onde a lei era infalible e onde non se podía facer absolutamente nada, agora resulta que hai recobecos legais polo que benvidos á realidade".

Por último Seara lamentou o tempo perdido ao longo destes meses nos que os centos de visitantes recibidos o que atoparon foron "termas pechadas, e sen visos de que se poidan abrir en breve. O que queremos é que se abran con todas as garantías, por suposto e que se faga canto antes".

"Os únicos responsables desta situación son Jácome e o PP, o PP e Jácome, que son as dúas caras dunha mesma moeda".

O BNG encara a súa XVII Asemblea Nacional do vindeiro 07 de novembro co reto de culminar o cambio político transformador na Galiza coa presidencia da Xunta