O BNG de Esgos solicita a rehabilitación e posta en uso das vivendas sociais do Camiño Saramagal

JOSÉ MANUEL GONZÁLEZ, BNG ESGOS
José Manuel González, BNG de Esgos

A formación nacionalista sinala que o bloque de vivendas cedido á Garda Civil “só é utilizado parcialmente” polo que destacan a “infrautilización dun ben escaso e necesario como a vivenda, que é unha das principais preocupacións da cidadanía”

O BNG de Esgos solicita a rehabilitación e posta en uso das vivendas sociais do Camiño Saramagal

Esgos, 06 de marzo de 2025. Corría o ano 1987 cando o Concello de Esgos adquiriu da Xunta de Galiza un bloque de 12 vivendas no Camiño Saramagal, pertecentes a un grupo de promoción pública, co fin de destinalas como Casa-Cuartel da Garda Civil así como para o persoal destinado no Concello.

O Portavoz do BNG en Esgos, José Manuel González sinala que “desde hai anos, o bloque de vivendas cedido á Garda Civil só é utilizado parcialmente. O baixo está destinado a oficina, unha vivenda é ocupada de forma habitual e outras dúas, de maneira esporádica”, e engade, “este feito supón non só que o inmoble non se está a empregar para o propósito polo que foi adquirido e cedido, senón tamén a infrautilización dun ben escaso e necesario como a vivenda, que é unha das principais preocupacións da cidadanía”.

Desde a formación nacionalista argumentan que “nos últimos 20 anos, o Concello de Esgos experimentou unha perda de poboación superior ao 15%, debido ao descenso da poboación orixinaria en máis de 274 persoas, sen que este descenso se vexa compensado pola chegada de poboación estranxeira, que apenas aumentou en 11 persoas”. Malia ao anterior, Gonzalez sostén que “persiste unha alta demanda de vivenda protexida tanto no propio concello como nos concellos limítrofes, unha demanda que a Xunta de Galiza non está atendendo xa que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, nos últimos dez anos, en toda a provincia de Ourense só se completou unha vivenda protexida”.

Considerando que no concello de Esgos existe un bloque de 12 vivendas de titularidade municipal, adquirido no seu día ao Instituto Galego de Vivenda e Solo e que se cedeu á Garda Civil, pero que hoxe en día está infrautilizado, co 66% das vivendas sen uso algún, desde o BNG consideramos imprescindible dar resposta a unha das principais demandas da cidadanía, tanto de Esgos como do conxunto da sociedade galega”.

A proposta do BNG de Esgos, que será igualmente trasladada ao Parlamento galego, consiste “na recuperación e uso das vivendas para o que foron concibidas, destinándoas a vivendas sociais, xa sexa en réxime de propiedade ou alugueiro, co obxectivo de frear a perda de poboación que sofren os concellos do rural ourensán e sen que isto implique, en ningún caso, un detrimento do servizo de seguridade que actualmente ofrece a Garda Civil en Esgos”.

O BNG de Esgos solicita a rehabilitación e posta en uso das vivendas sociais do Camiño Saramagal