O BNG esixe na Deputación a intervención da Xunta e do Estado ante a escalada de inflación

Bernardo Varela
Bernardo Varela

Bernardo Varela presenta dez medidas fiscais, sociais e produtivas coas que protexer ao pobo e o emprego da suba disparada dos prezos fronte a inacción demostrada pola Xunta e o Estado

O BNG esixe na Deputación a intervención da Xunta e do Estado ante a escalada de inflación

Ourense  28 de abril de 2022. O Voceiro do Grupo Provincial do BNG, Bernardo Varela, rexistrou para o seu debate no pleno da Deputación de Ourense iniciativas para o impulso de medidas xustas e urxentes para combater as consecuencias da escalada de prezos na economía da Galiza, e en especial na xa danada economía dos e das ourensáns e das pequenas e medianas empresas asentadas na provincia.

 

 Así entre as medidas fiscais o BNG esixe que sexa contemplada a inflación no IRPF, “ é preciso revisar os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se redistribúa a riqueza”. Con isto acadase unha fiscalidade xusta e realmente redistributiba, o cal propomos que sexa complementada cunha baixada selectiva do IVE en produtos básicos como alimentos, de hixiene persoal feminina ou electricidade e a redución temporal de impostos sobre hidrocarburos. 

 

As medidas sociais constitúen unha parte fundamental tamén da proposta nacionalista, así falamos dunha revisión á alza das bolsas para protexer ao estudantado; o incremento das pensións e salarios máis baixos até o 60% do soldo medio actual. Facendo especial fincapé no apoio á igualdade, indica Varela, demandando da Xunta de Galiza o compromiso orzamentario de manter as partidas en igualdade, incrementar a contía das axudas contra violencia machista conforme ao IPC e aprobar o necesario Plan de Choque contra a pobreza en familias monoparentais cun orzamento e calendario específico.

 

De especial importancia para os nacionalistas tamén é a protección do sector agro-gandeiro nunha provincia como Ourense, polo que requiren do Estado e da Xunta unha protección do sector evitando a venda a perdas, impulsando a compra pública  de pensos para garantir a subministración e impulsando axudas polo incremento dos custos de produción, singularmente enerxía e combustíbeis. 

 

A intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, recortar os beneficios das eléctricas e impulsar unha tarifa eléctrica galega son outras das medidas urxentes que propoñen os nacionalista e que encabeza as dez medidas do BNG ante o pleno provincial de Ourense deste último venres de abril.

 

O empobrecemento da sociedade debido á subida exponencial da inflación é un problema político e social de primeira orde. O BNG considera urxente actuar e pór en marcha medidas en beneficio das maiorías socias, por este motivo propón na Deputación de Ourense, igual que xa se fixo nas institucións das que a organización nacionalista forma parte, unha batería de accións concretas para que tanto o Goberno estatal coma o galego, poñan freo as consecuencias da crise para os sectores máis vulnerábeis.

 

Para Varela  é necesario a medio e longo prazo, impulsar un cambio estrutural na nosa economía que nos faga máis resistentes a este tipo de situacións, porén é hora tamén de tomar medidas urxentes a curto prazo para que non haxa un empobrecemento drástico da poboación e parar a constante perda de empresas, e non se pode agardar máis tempo. 

O BNG esixe na Deputación a intervención da Xunta e do Estado ante a escalada de inflación