O BNG esixe seriedade e rigor ao Goberno Local no tocante á proposta de supresión do Servizo da ORA
O Grupo municipal do BNG reitera os argumentos esgrimidos no mes de maio, cando desde o Goberno Local se anunciou, de novo, unha medida “con ningunha base documental, ou polo menos nós non a coñecemos”
Ourense, 26 de novembro de 2024. Logo do anuncio feito esta mañá por parte do Goberno Local de avaliar a supresión do Servizo da ORA, desde o Grupo municipal do BNG salientan que “xa perdemos a conta de cantas veces leva anunciado o Alcalde esta medida” e engaden, “a última vez que se abordou esta cuestión, no pasado mes de maio, xa advertimos que estabamos diante dunha idea que non conta con ningunha base documental ou polo menos nós non a coñecemos”.
Quen fala é o Portavoz municipal nacionalista Luís Seara, quen reitera que “no mes de maio, cando tivemos unha Xunta de Portavoces para abordar a posible supresión do Servizo, recriminámoslle ao Alcalde que non aportase ningún informe xurídico nin técnico de como podería afectar á mobilidade da cidade no seu conxunto”.
Luís Seara sinala que “para o BNG, esta é unha cuestión de enorme relevancia xa que a supresión do Servizo da ORA pode provocar un efecto dominó na mobilidade do concello, polo que tomar unha decisión desta natureza descontextualizada das medidas que se contemplan no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e sen ter unha alternativa viable, pode ter efectos contrarios aos desexados nunha cidade que move ao redor de 150.000 vehículos”.
Desde a formación nacionalista atópanse dispostos “a avaliar posibles escenarios, incluído o da gratuidade do Servizo, pero entendemos que o debate debe estar inxerido dentro do PMUS, con informes que permitan avaliar as consecuencias da supresión e mesmo pondo enriba da mesa as posibles alternativas”. Por último, o BNG solicita “a creación dunha Comisión politico – técnica para falar da proposta”.