O BNG urxe ao Goberno Local a que recoñeza o seu fracaso co mal denominado Centro de Intelixencia Artificial e a que a Muiñeira recupere as actividades que alí se viñan desenvolvendo

Edificio da Muiñeira no barrio do Polvorín

Na formación nacionalista reiteran o que viñeron mantendo ao longo deste mandato, o centro de IA non era máis que un “bluff”

O BNG urxe ao Goberno Local a que recoñeza o seu fracaso co mal denominado Centro de Intelixencia Artificial e a que a Muiñeira recupere as actividades que alí se viñan desenvolvendo

 

Ourense, 15 de xullo de 2022. Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense o anuncio realizado onte polo Goberno Local de pechar o que deron en chamar Centro de Intelixencia Artificial non é máis que a constatación dun proxecto “no que nós nunca acreditamos pois era o proxecto da nada”, afirma o portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara.

No BNG lembran que Jácome en 2019 chegou a dicir que co apoio doutras administracións ou sen el, o Centro de IA ía ser unha realidade e ía atraer a preto de 100 científicos nos primeiros anos pese a saber que aquilo era imposible pois non contaba co apoio nin da Deputación, nin da Xunta nin do Estado.

Para Luís Seara “o que fixo o alcalde ao longo de todo este tempo é dilapidar diñeiro público por tentar sacar adiante un capricho persoal e desmantelar todas as actividades que con grande éxito se desenvolvían na Muiñeira, lugar de referencia e con acreditada reputación entre a veciñanza até a chegada do bigoberno PP - DO”.

Seara incide, “ao longo destes tres anos, contratouse a un Director por nada menos que 60.000 euros ao ano, contratáronse asesores sen saber exactamente cal ía ser o seu cometido e mesmo hai 2 meses que se integraron na plantilla municipal 10 técnicos que agora quedan sen nada que facer pero cuxo contrato é de 3 anos, polo que o despropósito é absoluto”, e engade, “mais Jácome non é o único responsable pois nesta desfeita como noutras moitas contou coa inestimable colaboración do PP”.

Ante esta nova situación, desde o BNG esixenlle ao Goberno Local que a Muiñeira recupere as actividades que viña desenvolvendo antes do seu desmantelamento, entre elas a reapertura dos cursos da aula CEMIT.

O BNG urxe ao Goberno Local a que recoñeza o seu fracaso co mal denominado Centro de Intelixencia Artificial e a que a Muiñeira recupere as actividades que alí se viñan desenvolvendo