O BNG exixe explicacións ante a suposta facturación fraudulenta ao SERGAS dun hospital privado
A Formación nacionalista instará á Xunta de Galiza para que aclare o que está acontecendo na sanidade privada en Ourense diante da denuncia da Fiscalía ao Grupo Recoletas por, supostamente, facturar fraudulentamente ao SERGAS
Ourense, 17 de marzo de 2026. O BNG, a través do seu Grupo parlamentar no Pazo do Hórreo, pedirá explicacións ao Goberno galego diante da denuncia da Fiscalía contra o Grupo Recoletas, que recentemente fíxose cos Centros sanitarios privados que existían en Ourense, Centro Médico El Carmen e COSAGA.
Para a deputada nacionalista por Ourense Noa Presas “estamos diante dun dobre escándalo, primeiro por, presuntamente, facturar a anestesia local como anestesia xeral para cobrar máis da Xunta de Galiza e segundo porque denota unha enorme falta de control e vixilancia por parte do Goberno galego”.
A situación é de tal gravidade para o BNG que, tal e como enuncia Noa Presas, “esiximos a través do Parlamento explicacións e que a Área sanitaria de Ourense sexa sometida unha vez máis a un informe do Consello de Contas e a unha auditoría exhaustiva” e engade, “quero lembrar que xa no ano 2024, este organismo advertiu de irregulariedades e privatizacións nesta Área”.
Presas fixo fincapé en que tamén naquela altura desde o BNG advertiron de que “a compra por parte do Grupo Recoletas dos dous hospitais privados dos que máis depende a sanidade pública de Ourense, comprometía a competencia e a prestación de servizos. Hai que vixiar até o último euro pois temos que lembrar que estamos a falar de cartos públicos que o Partido Popular decide sacar da sanidade pública para darllos á privada polo que o mínimo é que vixie e se asegure sobre o cumprimento de todas as funcións que se lle encomendan”.
Ao tempo, desde o BNG sinalan a urxencia de coñecer “que medidas preventivas vai impulsar o Goberno galego para protexer a sanidade pública ourensá ante posibles actuacións oligopólicas no ámbito da sanidade privada que poidan comprometer o funcionamento de servizos así como certificar se, a día de hoxe, está garantida a prestación dos servizos que se viñan derivando habitualmente”.