O BNG rexeita o Orzamento do CMD por “continuísta” ao tempo que denuncia a falta de informes “básicos” no seu expediente

Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello de Ourense
Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello de Ourense

A Formación nacionalista sinala que as contas sometidas no día de hoxe á consideración do Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes carecen do Informe da Intervención Xeral ao tempo que “son unha mera suma de saldos. Son unhas contas continuístas e faltas de ambición e investimentos”

O BNG rexeita o Orzamento do CMD por “continuísta” ao tempo que denuncia a falta de informes “básicos” no seu expediente

Ourense, 17 de marzo de 2026. O Goberno local, someteu na reunión do Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes celebrada esta mañá á consideración dos Grupos municipais o seu Orzamento para o presente exercicio 2026. Contas que foron retiradas a semana pasada da orde do día dunha sesión extraordinaria.

Daquela, o Presidente do Organismo autónomo Anibal Pereira, argumentou como causas para a retirada das contas, ter que corrixir un erro advertido previamente e a necesidade de reunir aos Grupo municipais para escoitar as súas aportacións. Para o representante do BNG no CMD e Portavoz municipal Luís Seara “dita xuntanza xa non ten sentido a estas alturas e o único que busca e lavar a cara do PP, único Grupo co que negocia o Goberno Local”.

Para a Formación nacionalista as contas presentadas representan “máis do mesmo” xa que pese a incrementarse nun 8,86% respecto ao exercicio 2025, “son unha mera suma de saldos, non aportan ningunha novidade, son continuístas, faltas de ambición e carentes de investimentos, ademais de incluir catro subvencións nominativas que nós entendemos non deberan ir con cargo a este orzamento”.

Seara sinala igualmente o feito de que “non está previsto aumentar o persoal existente a día de hoxe e polo tanto cubrir as prazas que temos vacantes na RPT polo que seguiremos tendo neste exercicio os mesmos problemas en canto a persoal que no exercicio pasado alén de que non houbo a obrigada negociación cos sindicatos”.

Expediente incompleto.

O Grupo municipal do BNG denuncia que as contas sometidas a debate e aprobación, “carecen dun informe que para nós é fundamental como é o da Intervención municipal”. Intervención que tamén sinala nun oficio, a ausencia da acta da Mesa Xeral de Negociación que acredite a obrigatoria negociación cos sindicatos para poder evitar deste xeito o acontecido co Orzamento do Concello do ano 2020, anulado no seu capítulo I pola xustiza precisamente pola ausencia de negociación.

Diante desta situación, Luís Seara aclara que “o BNG non pode validar unhas contas que están mal tramitadas, coa ausencia de informes relevantes e preceptivos e que ademais son continuístas, non aportan nada novo máis alá de seguir afortalando vellas prácticas que Democracia Ourensana cuestionaba duramente cando era Oposición e que agora non soamente mantén senón que promove”.

O BNG rexeita o Orzamento do CMD por “continuísta” ao tempo que denuncia a falta de informes “básicos” no seu expediente