O BNG formaliza o requerimento da titular do Xulgado de Instrución nº 3 e presenta a querela para que se investigue a presunta comisión dun delito de falsidade en documento público na identificación do condutor do coche do Concello de Ourense adscrito á alcaldía e multado en Vigo
A formación nacionalista acudiu esta mañá aos Xulgados de Ourense para dar cumprimento ao requerido pola Xuíza titular do Xulgado de Instrución nº 3 no que instaba ao BNG a presentar unha querela e depositar unha fianza para poder iniciar o procedemento
Ourense, 19 de maio de 2023. O pasado 6 de maio e logo de facerse públicos uns audios nos que o actual Rexedor Gonzalo Pérez Jácome pretendía que algún traballador municipal asumise a sanción imposta a un vehículo municipal, concretamente adscrito á alcaldía e conducido habitualmente polo propio alcalde e cuio importe ascendeu a 1.200 euros, o Grupo municipal do BNG acudía ao Xulgado de Garda para presentar unha denuncia por estes feitos ao considerar que estaríamos diante da comisión dun presunto delito de falsidade documental.
Recentemente a xuíza titular do Xulgado de Instrución nº 3, encargado de tramitar dita denuncia, requeriu ao BNG á presentación dunha querela e ao depósito dunha fianza de 2.000 euros en caso de querer continuar co procedemento xa que “ao non ser parte directamente afectada ten que ser a través deste mecanismo”.
Esta mañá o actual Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, acompañado pola deputada Noa Presas, o deputado Iago Tabarés e o avogado Xoan Antón Pérez Lema, encargado de levar o caso, acudiron aos Xulgados de Ourense para formalizar dita querela.
Ás portas do Xulgado, Luís Seara manifestou que “Ourense está nunha situación de emerxencia social e política provocada polos audios que se están a coñecer e no que se evidencian presuntos casos de corrupción que afectan á alcaldía”, e engade, “diante desta situación nós non podemos pornos de perfil e independentemente de cando actúe a xustiza este é o momento para a política”.
Ao fio do anterior, o candidato Luís Seara dirixiuse qa todas aquelas persoas que estean defraudadas e decepcionadas pola actual situación para dicirlles que “a solución aos problemas non é quedarse na casa o día 28. Queremos trasladarlle a todas as veciñas e veciños votaran o que votaran no pasado que o próximo domingo hai que tomar unha decisión que é trascendental, escoller entre corrupción ou rexeneración, entre indecencia ou dignidade polo que nós facemos un chamamento para que o día 28 haxa unha rebelión social nas urnas que diga basta xa de caciquismo, de nepotismo e de corrupción e abrir as portas a aquelas organizacións, nomeadamente o BNG que somos bandeira da decencia e a rexeneración política”.
Pola súa banda o avogado encargado do caso, Xoan Antón Pérez Lema afirmou que “formalizamos a querela e a fianza nos termos establecidos pola Xuiza e como acusación popular pois é a figura que lle corresponde neste caso ao querelante, ao BNG”.
Pérez Lema avanzou que con este trámite a xuiza xa pode determinar “a admisión a trámite da querela e polo tanto iniciar as dilixencias que nela solicitamos como é ao Concello de Vigo o expediente do procedemento sancionador, ao Concello de Ourense a certificación de titulariedade do vehículo e a identidade e vinculación co Concello de Rafael Cachafeiro así como dos dous empregados públicos identificados nos audios e por último o requerimento ao director de La Región para que acheguen os audios feitos públicos o día 6 de maio”.
Lema avanzou que, unha vez se inicie o procedemento e declaren as tres testemuñas mencionadas con anterioridade así como o propio querelado, algo que tamén se solicita, “esto tomará corpo coa imputación polo artigo 393 do Código Penal relativo ao delito de falsidade en documento público pois neste caso figuraría unha persoa nun documento público relativo a uns feitos cando en realidade dita persoa non interviu nos mesmos”.
Por último, Pérez Lema deixou a porta aberta á posibilidade de que, con motivo da investigación, “se puidera engadir o delito de malversación en aplicación do artigo 432 bis do Código Penal, algo que a día de hoxe non podemos desbotar”.