O BNG impulsará a construción dun novo estadio no Couto e a transformación do actual nunha cidade deportiva

Xosé Manuel Puga, Luís Seara, Iago Tabarés e Erea Blanco
Xosé Manuel Puga, Luís Seara, Iago Tabarés e Erea Blanco

O proxecto integral do BNG, presentado xa no ano 2019, pretende a construción dun novo estadio nos terreos situados por detrás da actual bancada de fondo e a transformación do actual nunha cidade deportiva que permita “rematar coas carencias actuais e dotar a Ourense dunhas instalacións dignas, modernas e funcionais

O BNG impulsará a construción dun novo estadio no Couto e a transformación do actual nunha cidade deportiva

Ourense, 23 de decembro de 2025. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense xunto ao deputado no parlamento galego Iago Tabarés, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta do proxecto integral do BNG para a construción dun novo estadio e cidade deportiva no barrio do Couto.

O Portavoz dos nacionalistas Luís Seara, sinalou que “estes días intensificouse o debate social en relación co lamentable estado do céspede do Estadio do Couto. Tanto é así que o partido benéfico xuntos contra o lume, que inicialmente estaba previsto xogar no noso estadio, tivo que xogarse en Balaídos, algo que soubemos a raíz dunhas declaracións do Responsable de relacións institucionais do RC Celta”.

Seara lembrou as últimas actuacións levadas a cabo pola Xunta de Galiza no estadio, ao ser este da súa propiedade. “Como sabedes, o arranxo do terreo de xogo fixo parte da reforma integral feita pola Xunta hai algo máis de tres anos, e na que se investiron máis de tres millóns de euros” e engadiu, “o BNG ten sido moi crítico con esta reforma por considerar que non resolveu ningún dos moitos problemas do estadio, moitos deles estruturais como os relativos á accesibilidade, a funcionalidade, a visibilidade, ou a comodidade entre outros”.

Segundo sinalaron desde a Formación nacionalista, “rematou o tempo das esmolas e dos proxectos de baixo custe. Ourense precisa infraestruturas modernas e acordes aos tempos nos que andamos. Por iso, e tendo en conta que agora parece que hai quen se sube ao carro da necesidade de construir un estadio novo, o BNG volve traer a debate esta cuestión por considerar que é, ademáis dunha necesidade, un proxecto estratéxico para Ourense”.

Nós xa trasladamos á sociedade de Ourense, tanto no ano 2019, como no 2023, unha proposta a este respecto que é viable desde o punto de vista económico e urbanístico e que permitiría a construción dun novo estadio, nos terreos que están por detrás da actual bancada de fondo”.

Este proxecto resolvería varias cuestións de vez. A insuficiencia de instalacións deportivas na cidade coa construción dun novo estadio. A carencia de aparcadoiros na zona, coa creación do necesario aparcamento disuasorio. A desconxestión do tráfico na rúa e rotonda de Ervedelo, coa creación dun novo acceso de entrada e saída directa da N-525 a través da prolongación da rúa Francisco de Moure así como a humanización dunha zona actualmente degradada, revalorizando a súa contorna”.

Luís Seara entende que para facer real esta proposta, “é preciso vontade política por parte das distintas administracións, singularmente da Xunta e do Concello. A Xunta porque posúe, ademáis dos terreos nos que se asenta o actual estadio, outros dez mil metros xusto por detrás da actual bancada de fondo e do Concello, porque para facer real esta proposta é preciso modificar o actual PXOM, para converter ese terreo, que hoxe é solo urbanizable e no que se prevé construir 1000 vivendas, en solo dotacional”.

No BNG teñen claro que actualmente o barrio do Couto non precisa mais vivenda nova, “precisa espazos abertos e amplos e unha instalación deportiva de referencia. Rematou a política dos remendos, agora é o momento de proxectos transformadores”.

Os nacionalistas adiantan que levarán dita proposta tanto ao Concello de Ourense como ao Parlamento de Galiza co obxectivo de buscar o consenso de todos os Grupos e facer, á maior brevidade posible, “o que até o de agora non pasou do papel”. A este respecto, o deputado no Pazo do Hórreo Iago Tabarés destacou que a Xunta de Galiza non desenvolve “os proxectos estratéxicos que Ourense merece e demanda senón que simplemente se fan obras para sair do paso”.

Consecuencia destas actuacións, o deputado nacionalista referenciou de novo o feito de non poder disputarse en Ourense o partido benéfico a prol dos dannificados polos lumes deste verán ou a “pésima imaxe que se traslada de Ourense cada vez que vemos pola televisón un partido de fútbol disputado no Estadio do Couto, tal e como aconteceu o pasado xoves con motivo da Copa do Rei”.

Tabarés puxo en cuestión as cantidades investidas na propia reforma do estadio do Couto aludindo ao feito de que o propio Goberno galego “foi mudando as cantidades que di ter investido”. O deputado do BNG tamén fixo fincapé ao igual que Luís Seara no feito de que a reforma levada a cabo non atendeu “cuestións tan relevantes como a accesibilidade, o cumprimento da normativa de seguridade ou mesmo a iluminación do recinto, por non falar do céspede, o único bo de toda a reforma pero que por mor da falta de mantemento e da desidia amosada apenas durou un ano en óptimas condicións”.

Iago Tabarés anuciou que pedirán á Xunta de Galiza unha “intervención integral e unha reforma inmediata do terreo de xogo, mais o que lle pedimos á Xunta é respecto por Ourense xa que o que estamos a ver é unha evidencia clara do pouco que lle importamos ao Partido Popular e tamén aos seus socios locais”.

Copia de O COUTO
Proxecto do BNG 


 


 

O BNG impulsará a construción dun novo estadio no Couto e a transformación do actual nunha cidade deportiva