O BNG inicia percorrido polos barrios da cidade para dar a coñecer as súas propostas e para escoitar e recabar as demandas da veciñanza
Luis Seara: "Queremos pasar páxina e trasladarlle á veciñanza que outro Ourense non só é posíbel, senón que é necesario e en consecuencia, dicirlle que hai alternativa, hai esperanza e hai futuro, e esa alternativa, esa esperanza e ese futuro chámase BNG"
Ourense, 23 de maio de 2022. O BNG presentou esta mañá na céntrica rúa do Paseo a campaña "MÁIS OURENSE" que ao longo das vindeiras semanas os levará polos diferentes barrios da cidade e zonas do perímetro rural para dar a coñecer as propostas nacionalistas de cara ás eleccións de 2023, pero sobor de todo, para escoitar e recabar as demandas veciñais de cada zona.
Segundo o portavoz do BNG no Concello de Ourense Luis Seara, "hoxe pomos o reloxo a cero e comeza a conta atrás", e engade, "queda un ano para as vindeiras eleccións municipais, queda un día menos para rematar con esta longa noite de pedra que dura xa sete anos, sete anos de parálise municipal ao que se lle engaden os tres últimos anos de degradación institucional".
"No BNG queremos pasar páxina e trasladarlle a veciñanza que outro Ourense non só é posíbel, senón que é necesario, e en consecuencia dicirlle que hai alternativa, que hai esperanza, que hai futuro e esa alternativa, esa esperanza e ese futuro chámase BNG".
A campaña persegue dous obxectivos fundamentais, verbalizados polo portavoz no concello Luis Seara, "iniciamos unha campaña que nos permita enriquecer as nosas propostas a través da interlocución social e que nos permita trasladar que o BNG é sinónimo de rigor, solvencia e bo goberno, algo que se demostra nos concellos onde temos responsabilidades de goberno".
Ao logo destas semanas, o BNG visitará cada barrio e cada parroquia do rural para falar directamente coa veciñanza, mais tamén con representantes da sociedade, entidades culturais, deportivas, colexios profesionais, entidades do terceiro sector, sindicatos ou empresarios entre outros.
Para Luis Seara, "as posibilidades e potencialidades deste cidade seguen estando aí, o único que fai falla é un goberno que acredite nelas e as poña en valor. Queremos trasladar unha mensaxe de esperanza e de ilusión".
"Desde hoxe adquirimos o compromiso de pórmonos ao dispór de todos os colectivos, de toda a veciñanza, para construir a alternativa sólida, rigorosa e solvente que Ourense precisa".
Segundo Seara, "o volco a esta situación de desgoberno, de caos, de parálise e de degradación institucional, é responsabilidade de todos e todas, do conxunto da sociedade, e por iso, non podemos nin debemos mirar para outro lado".
O BNG quere devolverlle a dignidade á Institución e facer que as e os Ourensáns recuperen a autoestima de ser de Ourense, motivo polo cal inician unha campaña en positivo, baixo o lema "MÁIS OURENSE" e con tres ideas esenciais, recuperar a normalidade instuticional, recuperar a autoestima de ser de Ourense e transformalo coa recuperación dos nosos sinais de identidade.