O BNG apoia solicitude de reprobación e dimisión de Jácome
Varela apoia demanda de dimisión de Jácome, pero a única censura que agarda da actual alcaldía é a que fará a veciñanza o ano que ven nas urnas
O voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, apoiou a solicitude de dimisión de Jácome no pleno extraordinario da Deputación de Ourense.
Os actos e actitudes dun representante institucional distan moito das mantidas polo actual alcalde de Ourense, canto máis cando estamos ante unha agresión a unha sindicalista, o que representa baixar un chanzo máis da política institucional ourensá ao enlodamento, que non fai máis que separar á cidadanía das súas institucións.
Desde o BNG, dí Varela, consideramos que xa non deberamos chegar a este pleno e que se debera ter resolto fai xa un ano este asunto no concello de Ourense e por outra banda a decisión final xa estaba tomada de antemán.
O PP de Rueda, de Feijoo e de Baltar, analizou o voceiro do BNG, fixeron unha aposta clara por soportar na alcaldía ao señor Jácome, así este insulte, denigre e menosprece aos seus representantes no concello de Ourense e á cidadanía que eles representan, aínda que este mesmo ameace con retirarlles competencias aos representantes do PP no concello.
Os votos de Jácome no concello son para manter a Baltar na Deputación, ao contrario do que anunciaba o actual alcalde de Ourense antes das eleccións; e os votos ao PP no concello de Ourense son votos para o señor Pérez Jácome, esta é realidade que se está a vivir na terceira cidade de Galiza, sinalou durante o pleno extraordinario o voceiro do BNG.
A única censura que agardamos é a que virá da veciñanza o ano que ven, declarou Varela. A situación á que se levou á cidade e á provincia de Ourense, que non fan máis que languidecer, tará que ser endereitada pola cidadanía de Ourense cos seus votos o ano que ven, pois nada podemos agardar dos actuais mandatarios