O BNG insiste nas graves consecuencias económicas e de mobilidade que está a ter a supresión do Servizo da ORA
O Grupo municipal nacionalista advirte tamén da situación de precariedade absoluta na que se atopa o Servizo do Guindastre, con vehículos obsoletos que “supoñen un serio risco tanto para as e os traballadores como para a seguridade vial en xeral pois xa se ten producido algún incidente de certa entidade”
Ourense, 12 de marzo de 2026. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense compareceu esta mañá en rolda de prensa para insistir nas consecuencias que a supresión do Servizo da ORA está a ter na mobilidade da cidade, máis tamén desde o punto de vista económico para as arcas municipais. Situación que se pode ver agravada se o Xulgado decide tumbar o ERE presentado pola concesionaria do Servizo.
O Portavoz dos nacionalistas Luís Seara, sinalou que “o Alcalde decidiu suprimir a ORA pola súa conta e risco xa que non hai ningún informe, nin económico nin doutra índole. Nós dixémoslle que estabamos abertos a falar da gratuidade pero que debería existir algún mecanismo de control para favorecer a mobilidade, algo que por certo aparece recollido no PEMUS”.
Seara quixo lembrar que a supresión do Servizo realizouse “pola porta de atrás” no debate para aprobación da Ordenanza Reguladora das Zonas de Baixas emisións, “proposta que por certo, saiu adiante grazas ás abstencións de PP e PsdeG-PSOE, quenes agora, curiosamente, reclaman solucións a dita supresión”.
Os nacionalistas entenden que coa decisión “caprichosa e unilateral” de eliminar o estacionamento regulado “estase producindo un aumento moi notable do denominado tráfico de axitación nas rúas ao estar os aparcadoiros, antes de zona azul, permanentemente ocupados con vehículos que utilizan ese espazo como un garaxe ao aire libre” e engaden “máis as consecuencias tamén son económicas xa que a eliminación da ORA implica deixar sen efecto a zona azul e despedir a 9 traballadoras e traballadores dun contrato que xunto ao guindastre supuña 1,5 millóns de euros”.
O BNG advirte unha vez máis que unha vez suprimida a ORA, a empresa pasou ao Concello unha liquidación pola supresión do Servizo que sumadas as cantidades, supón algo máis de 1,1 millóns de euros. “Por actualización de prezos, algo máis de 787.000 euros e pola liquidación ás e aos traballadores 314.000 mil euros. Ao anterior temos que engadirlle que, segundo a empresa, seguir prestado o Servizo do guindastre vai supór 1,4 millóns de euros”.
Luís Seara afirmou igualmente que a propia Concelleira delegada de Facenda, Tamara Silva, confirmou na última Xunta de Área celebrada que “a actualización de prezos e IVE que reclama a empresa, será obxecto dunha auditoría contraditoria, algo que por certo, xa dicían nun informe os técnicos da Oficina de Xestión Económica e Orzamentaria, informe que, curiosamente, non se pediu para a reclamación de VIAQUA dos 16 millóns de euros. Pola contra, dixo que a indemnización ás e aos traballadores, lembremos, 314.000 euros, sí que as ía asumir íntegramente o Concello”.
A realidade, segundo a Formación nacionalista é que “a día de hoxe as e os traballadores despedidos aínda non viron un euro. Impugnaron o ERE, por vulneración de dereitos fundamentais e o xuízo terá lugar o vindeiro día 23 de marzo. Xa veremos que acontece no caso de que a xustiza determine a readmisión dos mesmos”.
Alarma pola precariedade e falta de seguridade no Servizo de Guindastre.
O Grupo municipal do BNG tamén quixo pór o foco na situación na que se atopa actualmente o Servizo do guindastre. O Portavoz nacionalista Luís Seara afirma que o orzamento remitido pola empresa, preto de 1,4 millóns de euros é “similar ao que se pagaba polo Servizo da ORA e do guindastre en conxunto, 1,5 millóns de euros”.
Mais para o BNG a máxima preocupación céntrase en que o Servizo vaise seguir prestando “cun material obsoleto que resulta perigoso para a seguridade das e dos conductores, do resto dos vehículos e das persoas que transitan pola rúa. Os guindastres pasan a ITV? si, pero na ITV non miran se os asentos están rachados, se funciona o aire acondicionado ou a calefacción, nin se levan un coche de 1.000 kg remolcado”.
Seara afonda, “aínda por riba, estanse a empregar únicamente dous guindastres dos catro que hai. Guindastres que insistimos, non reúnen as condicións esixibles para a prestación deste servizo e que teñen provocado máis dun sobresalto aos condutores e danos a outros vehículos xa que ao longo dos anos de vixencia do contrato non se renovou un só dos vehículos, algún cunha media dun millóns de quilómetros”.
Obras Avda de Portugal.
Luís Seara tamén se referiu á situación na que se atopan as obras na Avda de Portugal logo da súa paralización. Informou de que onte mesmo estiveron na rúa falando coa veciñanza e cos comerciantes, quenes transmitiron a súa inquedanza e indignación polos graves prexuízos que a situación lles está a provocar.
Seara dirixiuse ao Alcalde para pedirlle “que adopte solucións urxentes para poder rematar a obra canto antes. Que poña enriba da mesa unha solución que sexa cribe e viable, desde o BNG amosaremos o noso apoio para que ditas obras se reanuden e sobor de todo, se rematen canto antes. Pode contar connosco”.