O BNG demanda a posta en funcionamento do transporte metropolitano de Ourense antes de rematar o mandato e denuncia o desleixo institucional das administracións responsables

Xosé Manuel Puga, Bernardo Varela, María Mangana 1
Xosé Manuel Puga, Bernardo Varela, María Mangana

Bernardo Varela reclama compromiso político para que o servizo sexa unha realidade e Xosé Manuel Puga advirte de que a paralise responde á falta de vontade política.

O BNG demanda a posta en funcionamento do transporte metropolitano de Ourense antes de rematar o mandato e denuncia o desleixo institucional das administracións responsables

Ourense, 13 de marzo de 2026. O grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Ourense presentou esta mañá en rolda de prensa a moción que defenderá no vindeiro pleno da institución para impulsar definitivamente a posta en marcha do transporte metropolitano da comarca de Ourense.

Na comparecencia participaron o voceiro provincial do BNG, Bernardo Varela, xunto cos deputados María Mangana e Xosé Manuel Puga, quen advertiron de que a falta de avances neste proxecto “evidencia unha nova situación de parálise institucional nun servizo clave para a mobilidade e a cohesión territorial da comarca”.

A iniciativa nacionalista insta á Xunta de Galiza, ao Concello de Ourense e á propia Deputación a asumir e desenvolver os acordos xa adoptados no seo do último comité técnico-político para a implantación do transporte metropolitano. O BNG demanda que o Concello de Ourense estude coa empresa concesionaria do servizo urbano a inclusión da extensión das liñas cara aos concellos da contorna, elaborando un novo mapa de liñas e frecuencias e cuantificando o impacto económico desta ampliación. Ao mesmo tempo, reclama que os concellos beneficiados por esta extensión e a Deputación valoren a posibilidade de asumir a parte do incremento da facturación que lles corresponda, e que a Xunta de Galiza analice a afección destas modificacións sobre as liñas interurbanas da súa competencia para avaliar a súa viabilidade técnica, xurídica e económica. Finalmente, o Bloque solicita que as tres administracións implicadas adquiran o compromiso político de que o transporte metropolitano da comarca de Ourense se poña en marcha antes de rematar o actual mandato.

Durante a rolda de prensa, Bernardo Varela lembrou que a implantación dun sistema de transporte metropolitano é unha demanda histórica da comarca que leva décadas sobre a mesa. No ano 2024 constituíuse o comité técnico-político para impulsar este servizo, no que participan a Xunta de Galiza, a Deputación, o Concello de Ourense e os concellos da contorna. A primeira reunión celebrouse o 20 de novembro de 2024 e nela acordouse avanzar na extensión das liñas do transporte urbano da cidade cara aos municipios limítrofes, así como analizar as vías de financiamento necesarias para facer realidade o servizo.

Porén, máis dun ano despois daqueles acordos, os nacionalistas denuncian que non se produciron avances reais. “Estamos xa en marzo de 2026 e a cidadanía non percibe ningún paso adiante. As preguntas que temos formulado nas distintas institucións non obtiveron resposta ou recibiron contestacións contraditorias”, sinalou Varela, quen lembrou que o BNG solicitou formalmente en outubro de 2025 a convocatoria dunha nova reunión do comité técnico-político para coñecer o grao de cumprimento dos acordos, sen obter resposta ata o momento.

O deputado provincial Xosé Manuel Puga profundou nas razóns desta parálise e advertiu de que o proxecto quedou bloqueado tras a última reunión do comité celebrada en abril de 2025. Segundo explicou, naquela xuntanza acordouse que o Concello de Ourense debía definir os puntos de extensión das liñas do transporte urbano cara aos concellos da área metropolitana e elaborar un novo mapa de liñas e frecuencias. Ese estudo permitiría calcular o custo do servizo para que a Deputación e os concellos implicados valorasen a súa participación económica.

“Ese traballo non se fixo ou, polo menos, non se facilitou información ao respecto”, denunciou Puga, quen engadiu que a única referencia coñecida é unha estimación verbal trasladada polo alcalde de Ourense ao presidente da Deputación que situaría o custo anual do servizo arredor dos dous millóns de euros. “Non existe ningún documento oficial que concrete esa cifra nin que permita planificar a posta en marcha do sistema”, afirmou.

Puga subliñou tamén que a Xunta de Galiza ten un papel fundamental neste proceso, xa que moitas das liñas de transporte interurbano da contorna están concesionadas pola administración autonómica. Segundo explicou, o acordo do comité técnico establecía que a Xunta debía negociar coas empresas concesionarias, entre elas Monbus, Alsa e Gavilanes, a reestruturación das rutas actuais para adaptalas ao novo modelo de transporte metropolitano. “Preguntamos se se fixeron esas xestións e non obtivemos resposta nin documentación algunha”, indicou.

Para o BNG, esta falta de coordinación e transparencia entre as distintas administracións está a atrasar un proxecto que resulta estratéxico para a comarca de Ourense. Os nacionalistas consideran que a posta en marcha do transporte metropolitano non é só unha cuestión de mobilidade, senón tamén de equilibrio territorial, cohesión social e dinamización económica, ao permitir unha mellor conexión entre a cidade e os concellos da súa área de influencia e facilitar o acceso ao emprego, aos servizos públicos e á actividade comercial.

Neste sentido, Puga advertiu tamén de que a necesidade dun transporte público eficaz resulta aínda máis evidente ante a situación actual da mobilidade na cidade de Ourense, marcada polo incremento das dificultades de tráfico e estacionamento. “Se queremos unha cidade máis ordenada e sostíbel, precisamos alternativas reais ao uso do vehículo privado, e o transporte metropolitano é unha peza fundamental desa solución”, afirmou.

O Bloque denunciou que o proxecto leva máis dunha década de anuncios e promesas sen resultados, e responsabilizou desta situación ás administracións gobernadas polo Partido Popular e por Democracia Ourensá. “Falamos dun servizo básico para a veciñanza e dun elemento clave para o futuro da comarca, pero segue atrapado entre a falta de coordinación e a ausencia de vontade política”, concluíu Bernardo Varela.

O BNG reiterou que continuará impulsando iniciativas institucionais para que o transporte metropolitano deixe de ser unha promesa reiterada e se converta nun servizo real ao alcance da veciñanza da comarca de Ourense antes de que remate o actual mandato.

O BNG demanda a posta en funcionamento do transporte metropolitano de Ourense antes de rematar o mandato e denuncia o desleixo institucional das administracións responsables