O BNG insta a Jácome a revogar a decisión de peche das canchas deportivas e dos parques infantís

2024090323183554778
Foto:LaRegión

Desde o Grupo municipal nacionalista cualifican o peche de “aberrante pois estase privando ás crianzas do uso dun espazo público no que desenvolven actividades físicas, lúdicas e de socialización”

O BNG insta a Jácome a revogar a decisión de peche das canchas deportivas e dos parques infantís

Ourense, 07 de outubro de 2024. A principios do pasado mes de setembro, o Goberno Local do Concello de Ourense tomaba a decisión de pechar as canchas deportivas municipais esparexidas por todo o termo municipal a partir das 23:00h. para, segundo se dicía, “favorecer o descanso da veciñanza”.

Hai uns días, o peche facíase extensivo aos parques infantís, chegando ao absurdo, segundo denuncian desde o Grupo municipal do BNG de “ter que acudir axentes da Policía Local a desaloxar a rapazas e rapaces de apenas 10 anos e que o único crime que estaban a cometer era xogar, divertirse e facer exercicio”.

A Concelleira Rhut Reza é contundente á hora de afirmar que, “desde o BNG estamos radicalmente en contra da decisión adoptada pola Alcaldía xa que ademais de non ter soporte en ningunha Ordenanza municipal, limita o uso de espazos públicos pensados precisamente para o lecer, para a actividade física e para a interacción social neste caso das nosas nenas e nenos”.

Para Reza, “o argumento esgrimido polo Goberno Local para xustificar os peches é ridículo xa que entón teríamos que paralizar toda a actividade que desde as 23:00 horas se desenvolve na cidade xa que entendemos será tan molesto un grupo de nenos e nenas xogando, como os vehículos circulando ou mesmo a xente sentada nunha terraza”.

No BNG teñen claro que a decisión “responde únicamente a un capricho do Alcalde. Pecha os parques infantís e as canchas deportivas e o único ocio que lle oferta á mocidade de Ourense é botellón e orquestras até altas horas da madrugada. Neste caso o descanso das veciñas e veciños parece non ter importancia”. A formación nacionalista insta ao actual Rexedor a recapacitar e revogar unha decisión “inxusta e sen ningún tipo de sentido”.


 

O BNG insta a Jácome a revogar a decisión de peche das canchas deportivas e dos parques infantís