O BNG reitera a necesidade dunha nova exposición pública dun PXOM que debe ser “sustentábel e pensado para as maiorías”
Na formación nacionalista abogan por que o novo documento “aposte pola rehabilitación de vivenda, as infraestruturas e os equipamentos, así como por flexibilizar a construción no ámbito rural”
Ourense, 02 de outubro de 2024. O Goberno Local do Concello de Ourense ven de anunciar que esta mesma semana remitirá o proxecto do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) á Xunta de Galiza para que esta emita o informe pertinente que permita avanzar na tramitación do documento e como fase previa a súa presentación diante do Pleno municipal, órgano encargado da súa aprobación definitiva.
O Grupo municipal do BNG, a través do seu Portavoz Luís Seara afirma que “ao longo de todo o que levamos de mandato e boa parte do anterior, o Goberno Local nunca tivo a ben chamarnos para falar do PXOM pese a telo pedido en reiteradas ocasións e pese a ter acudido sempre que fomos convocados pola alcaldía para abordar este tema”.
En todo caso, desde a formación nacionalista sinalan a necesidade de “aprobalo canto antes e poder desenvolver o Concello dos próximos 20 anos, ofrecendo seguridade xurídica a todas aquelas persoas ou empresas que decidan investir en Ourense”. No que si insisten novamente no BNG é na necesidade “dunha nova exposición pública que permita á veciñanza no seu conxunto coñecer o documento actual e poder facer as achegas e alegacións que considere precisas”.
Pero se algo teñen claro os nacionalistas é que o novo PXOM “ten que ser un documento que aposte pola sustentabilidade, un documento que aposte pola rehabilitación e non polo consumo de novo solo urbanizable pois o problema de Ourense non é a demanda de vivenda nova xa que temos perto de 17.000 vivendas baleiras e desde logo, un Plan de urbanismo pensado para as maiorías sociais e non á medida dos especuladores como se ten feito até o de agora”.
O Portavoz Luís Seara non deixa de lado tampouco a situación na que quedan, coa proposta de PXOM coñecida, as parroquias e núcleos do rural do Concello xa que segundo denuncia, “a práctica totalidade da edificabilidade concéntrase na propia cidade, eliminando as zonas urbanizábeis no perímetro rural, contrinxindo deste xeito o seu espallamento”.
Seara ten claro que “non se trata de permitir que cada quen constrúa uha casa onde lle pete pero sí de permitilo dentro dos propios núcleos poboacionais xa existente e favorecer así o seu crecemento e o asentamento de poboación”, e engade, “para moitas persoas ter un solar no rural do Concello é ter a posibilidade de que as súas fillas ou fillos se asenten alí ou mesmo significa ter un cheque ao portador no caso de precisalo”.