O BNG insta á Xunta a buscar unha nova ubicación para o Punto de Encontro familiar de Ourense
A deputada nacionalista Noa Presas, defende que o emprazamento actual, na Casa da Xuventude, “non é adecuado porque non garante espazo suficiente, confidencialidade e nos casos de violencia machista, a seguridade”
Ourense, 15 de maio de 2026. Desde hai anos, a cidade de Ourense conta cun Punto de Encontro familiar (PEF) situado na rúa Celso Emilio Ferreiro que, até o momento e até a previsible apertura do PEF de Verín prevista para o vindeiro 1 de xullo, presta servizo a unha poboación de máis de 300.000 habitantes, coas dificultades de organización, espazo e distribución que isto implica.
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense, lembra ademais que estes Centros “naceron como ferramentas impulsadas para dar cumprimento do autogoberno en materia de política social e de protección das e dos menores” e engade, “o obxectivo non era outro que “garantir a existencia dun lugar adecuado que facilite a relación materno/paterno-filial, asegurando o benestar e a seguridade das e dos menores de familias en situacións de conflito”.
Para a Formación nacionalista, este servizo converteuse “nun recurso imprescindible para a nosa sociedade e vén incrementando a súa demanda de xeito exponencial”, motivo polo cal, entenden debe prestarse nas mellores condicións posíbeis, algo que, segundo denuncia Noa Presas “non se da no caso do PEF de Ourense, por iso levamos de novo ao Parlamento Galego a reivindicación de que a Xunta busque un novo emprazamento”.
Presas argumenta a petición das nacionalistas insistindo en que “estar no mesmo sitio que a Casa da Xuventude non é adecuado porque non garante espazo suficiente, porque non garante confidencialidade e porque non garante, sobre todo, cando se trata de situacións especialmente delicadas e conflitivas como nas que pode haber concorrencia de violencia machista, a seguridade e as medidas que deben de tomarse nese momento”.
“Reivindicamos que a Xunta de Galiza analice esta cuestión e tamén que avalíe se están funcionando os protocolos e se se está cumprindo o pacto de violencia machista que hay a nivel de Estado, xa que son recorrentes as novas de que se están permitindo visitas de menores con pais condenados por violencia de xénero”.
A maior abastanza do anterior, o Grupo parlamentar do BNG, vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Pazo do Hórreo e nas que demandan igualmente “información de como vai ser a distribución territorial cando se abra o futuro Punto de Encontro Familiar de Verín, que por certo, xa acumula anos de atraso respecto ás promesas da Xunta”.