O BNG rexistra unha emenda de devolución ao Proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense

Rhut Reza, X.M puga, Luís Seara e Erea Blanco
Rhut Reza, X.M puga, Luís Seara e Erea Blanco

O Grupo municipal nacionalista argumenta que o expediente remitido está incompleto pois non figura o informe da Intervención Xeral. Tamén sinalan que as Bases de execución propostas “consolidan o modelo iniciado coas do exercicio 2025” e no referido ao Capítulo I “incídese de novo no mesmo erro que levou á anulación do Orzamento de 2020”

O BNG rexistra unha emenda de devolución ao Proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense

Ourense, 12 de maio de 2026. Tal e como xa adiantara o Concelleiro-Portavoz Luís Seara en rolda de prensa o pasado mércores 6 de maio, o Grupo municipal do BNG vén de rexistrar unha emenda de devolución ao Proxecto de Orzamento xeral do Concello de Ourense para o exercicio 2026 remitido polo Goberno Local.

Logo de avaliar polo miúdo o dcumento, o BNG optou pola presentación dunha emenda de devolución ao considerar que este adolece “de graves eivas que fan moi difícil xa non soamente avalialo con rigor senón poder presentar emendas parciais”. E é que segundo Luís Seara, “á marxe de cuestións de carácter formal que enunciamos na emenda en relación a que órgano é competente para aperturar o prazo de emendas pois temos dúbidas de que puidera ser, como foi, a Xunta de Goberno Local en vez da Comisión de Pleno, hai cuestións que para nós son inasumibles”.

Seara fai referencia a un dos argumentos esgrimidos para solicitar a devolución do expediente como é a ausencia do informe da Intervención Xeral. “Desde o BNG non compartimos a idea que se nos pretende trasladar de emendar un expediente que está incompleto ao faltar un dos informes máis relevantes do mesmo, até o punto de ser preceptivo xa non soamente para a súa eventual aprobación, senón mesmo para a súa elevación a Pleno e posterior debate como é o da Intervención Xeral”.

Instamos polo tanto a que se nos remita o expediente cando estea completo pois consideramos que non é axeitado aperturar un prazo para a presentación de emendas sen coñecer a totalidade do expediente, faltando ademais un informe que pode conter información relevante e determinante para o seu coñecemento e avaliación”.

Outro dos argumentos que sustentan a emenda ten que ver coas Bases de Execución. O Portavoz nacionalista sinala que “debemos incidir, por coherencia, nos mesmos argumentos esgrimidos na emenda formulada con motivo do Proxecto de Orzamento para o exercicio 2025” e engade, “de aprobarse estas Bases, estaríamos consolidando un modelo de xestión baseado na limitación do traballo de control e fiscalización e outurgándolle á Alcaldía-Presidencia amplas capacidades para xestionar os recursos públicos á marxe mesmo de procedementos actualmente establecidos”.

Para o BNG as Bases de execución propostas, “consolidan un modelo de xestión altamente perigoso para a estabilidade deste Concello. Estaríamos aumentando considerablemente a que poderiamos denominar marxe de manobra do Goberno local”.

Finalmente, o Grupo municipal do BNG advirte que o Proxecto de Orzamento semella incorrer, “ao noso entender, nos mesmos erros no tocante á negociación colectiva do Capítulo I”.

Luís Seara afirma que “as similitudes en canto ao procedemento seguido e aos argumentos esgrimidos en comparanza co Proxecto de Orzamento Xeral do exercicio 2020, anulado en parte no seu Capítulo I por sentenza xudicial como co proxecto de Orzamento do exercicio 2025, actualmente xudicializado polo mesmo motivo, lévanos a non confiar nunha resolución distinta no caso de que o actual Proxecto sexa finalmente aprobado polo Pleno da Corporación”.

O BNG rexistra unha emenda de devolución ao Proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense